Domingo, 4 Maio de 2025

Arbo reclama unha sanidade pública digna

A Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Condado e Paradanta convocou o seu primeiro acto en Arbo para defender a sanidade pública.

Unhas 150 persoas concentráronse este xoves, 3 de febreiro, na praza do Concello de Arbo para reivindicar unha sanidade pública de calidade, universal e, por extensión, que garanta un dereito básico a todas as persoas independentemente do nivel de ingresos.

A maior parte da asistencia estaba formada pola propia veciñanza do municipio, aínda que tamén asistiron persoas dos concellos do Condado e Paradanta, e contaron coa participación especial da Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Tomiño, en solidariedade coa situación de abandono do servizo de pediatría en Arbo, onde pasaron de dispor dunha pediatra compartida con As Neves, a ter que compartila tamén con A Cañiza e Crecente, tendo que desplazarse esta varios días ao centro de saúde da Cañiza.

Tamén pedindo que se amplíe o servizo de ambulancia a 24 horas coma no resto do país.
A concentración foi convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e Paradanta, atendendo á demanda de veciñas de Arbo.

Durante a concentración a portavoz da plataforma salientou que “o modelo sanitario é inxusto. Con este modelo só teñen acceso a unha sanidade de calidade quen a poida pagar. Como consecuencia, a esperanza de vida de moitas persoas é menor só polo feito de ser pobre. Con este modelo só gañan as empresas privadas dedicadas á sanidade”.

Ademais, a plataforma fixo un chamamento para seguir mobilizándose na defensa da sanidade pública, como único camiño para impedir a perda dun dereito e dun servizo básico, alentando á cidadanía e aos colectivos comprometido co ben común a participar e colaborar nas actividades da plataforma, e animando a asistir as súas asembleas abertas.