11.6 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Concello de Redondela inicia as obras de ensanche do Camiño do...

    O Concello de Redondela inicia as obras de ensanche do Camiño do Albarrén, en Cedeira

    A iniciativa enmárcase nun plan de mellora integral da rede viaria municipal de cara a facilitar a mobilidade segura da veciñanza

    O Concello de Redondela iniciará hoxe mércores, 12 de xaneiro, as obras de mellora e ensanche do Camiño do Albarrén, na parroquia de Cedeira, actuación que se desenvolverá no treito comprendido entre o camiño de Fortóns e a liña 810 de ADIF. As obras, adxudicadas a Construcciones Caldevergazo, S.L., contan cun investimento de 121.968,00 euros (IVE incluído) e con cargo ao Remanente de Tesourería.

    Co obxecto de minorar as afeccións a parcelas privadas, a obra contempla a execución de muros de contención cunha altura máxima de dous metros sobre cota de cimentación e situados a 4 metros do eixo actual da vía.

    Os traballos permitirán que o camiño pase a contar cunha plataforma de 5,50 metros de anchura media. Para o firme procederase ao estendido dunha capa de zahorra artificial de 25 centímetros de espesor sobre a que, posteriormente, irá unha capa de M.B.C. tipo AC22 BIN S, de 6 centímetros. Unha vez conformada a plataforma, será cando se proceda ao recrecido da capa de rodadura en toda a largura da vía cunha capa de M.B.C. tipo AC16 SURF D, de seis centímetros.

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quixo agradecer a colaboración veciñal xa que, para anchear á vía, foi preciso contar coa cesión realizada por un total de 11 veciños e veciñas. Sen a súa boa disposición, afirmou a rexedora local, “tería sido moi complicado acometer unha obra que beneficia ao conxunto da cidadanía”.

    O ensanche do camiño do Albarrén é unha obra longamente demandada pola veciñanza dado que é unha vía de comunicación que cada día conta con máis tráfico, tanto rodado como peonil. A obra, unha vez finalizada, “supoñerá unha mellora substancial tanto á hora de facilitar a mobilidade de veciñas e veciños como de incrementar o seu nivel de seguridade”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

    Rivas lembrou que esta actuación inclúese dentro dun proxecto global de mellora das vías de comunicación no rural. “As parroquias –afirma a alcaldesa redondelá– foron durante moito tempo as grandes esquecidas e unhas vías de comunicación axeitadas e seguras, son imprescindibles para conseguir o desenvolvemento harmónico de todo o municipio”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.