Xoves, 8 Maio de 2025

As persoas xordas poderán solicitar o servizo de interpretación de lingua de signos para as súas xestións no Concello de Redondela

O servizo tamén abrangue ás persoas que queiran participar en actividades sociais ou culturais organizadas polo Concello

O Concello de Redondela vén de lembrar a todas as persoas xordas residentes no municipio que poden solicitar o servizo de interpretación de lingua de signos para calquera xestión que precisen realizar ante a administración local.

A solicitude, achegarase por correo electrónico mediante o modelo oficial que se pode descargar dende a páxina web do Concello –www.redondela.gal– cubrindo a información requirida en todos os campos e deberá ser enviada, con 48 horas de antelación, ao enderezo de correo electrónico
[email protected]. Este servizo prestarase en calquera área do Concello.

Este servizo de interpretación, explica a alcaldesa Digna Rivas, non queda cinguido aos trámites administrativos, “senón que tamén o poden solicitar no caso de querer participar nalgunha actividade social ou cultural organizada directamente polo Concello”. Neste caso é preciso subliñar que a solicitude deberá ser tramitada, como mínimo, con 7 días de antelación a fin de que o Concello poida realizar as xestións pertinentes que garantan a prestación do servizo.

Digna Rivas gravou unha mensaxe para animar a todas as persoas xordas a utilizar este servizo destinado a mellorar a accesibilidade e a inclusión social e reiterou “o compromiso do Concello coa defensa da igualdade de dereitos en todos os eidos e entre todas as persoas”.