Sábado, 3 Maio de 2025

Mondariz clausura esta semana a segunda edición do ciclo de cinema “Con ollos de muller”

A proxección especial do filme galego "A illa das mentiras", programada para o 27 de novembro ás 21:00 horas, contará coa presenza da directora, Paula Cons, e unha das actrices protagonistas, Victoria Teijeiro

A segunda edición do ciclo de cinema “Con ollos de muller” conclúe esta semana no auditorio municipal de Mondariz con dúas películas recentes protagonizadas por mulleres. Para o venres, 26 de novembro, está programado o filme “Moxie”, mais a clausura oficial terá lugar o sábado, 27 de novembro, coa proxección especial da produción galega “A illa das mentiras”, coa presenza de Paula Cons e Victoria Teijeiro, directora e actriz, respectivamente.

O ciclo de cinema “Con ollos de muller” protagonizou por segundo ano consecutivo a programación cultural do mes de novembro no Concello de Mondariz. No auditorio municipal, habilitado desde principios de ano cun novo equipamento audiovisual para visionados cinematográficos de calidade, proxectáronse semanalmente catro longametraxes con historias narradas desde a perspectiva feminina que fomentaban a reflexión sobre as desigualdades e os prexuízos, en apoio do 25N (Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres): “Figuras ocultas” (Theodore Melfi, 2016), “Una cuestión de género” (Mimi Leder, 2018), “Criadas y señoras (Tate Taylor, 2011) e “Moxie” (Amy Poehler, 2021). A estes catro filmes de produción estadounidense sumouse “A illa das mentiras”, unha produción galega con Paula Cons como directora, para pechar o ciclo o 27 de novembro.

“Dentro da programación cultural do Concello de Mondariz, o cinema está gañando peso. O ano pasado xa organizamos un ciclo de cinema feminista en novembro e proxectamos varias cintas galegas como María Solinha, O que arde ou Cuñados, contando coa presenza de directores/as, actores e actrices como Ignacio Vilar, ÓIiver Laxe, Benedicta Sánchez, Amador Arias, Miguel de Lira e Federico Pérez. Non todos os concellos ofrecen coloquios deste nivel”, comenta Anxos Carballo, concelleira de Cultura do Concello de Mondariz.

A esta listaxe de ilustres profesionais do cinema galego que visitaron Mondariz nos últimos dous anos sumaranse Paula Cons e Victoria Teijeiro, que o 27 de novembro participarán nun coloquio co público tras a proxección especial de “A illa das mentiras” no auditorio municipal, a partir das 21:00 horas. A entrada, como soe ser habitual, será libre e gratuíta até completar a cabida permitida, que supera as 150 butacas.