Sábado, 3 Maio de 2025

A unidade móbil de doazón de sangue estará en Ponteareas os días 26 e 27 de novembro

As persoas interesadas poden pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828

Ponteareas contará con dúas novas xornadas de doazón de sangue. A concellaría de Saúde, que dirixe a alcaldesa Cristina Fernández Davila, informa que a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará na vila os vindeiros días 26 e 27 de novembro e convida a todas as persoas que o desexen a achegarse a deixar a súa pinga de solidariedade.  

Como é habitual, o autobús estará situado na Avenida de Galiza, na parte traseira da Casa do Concello. O venres 26 abrirá de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas, mentres que o sábado 27 funcionará soamente en horario de mañá, de 10.00 a 15.00 horas. Para maior axilidade e poder graduar a afluencia de doantes, recoméndase a todas as persoas interesadas pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

Poden doar sangue toda as persoas maiores de 18 anos e cun peso mínimo de 50 kg. Recoméndase non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios e lémbrase que para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar esperar 2 horas. Ademais, é importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou documento similar e informar ao médico de que se está a tomar algún medicamento.

Cada día a Axencia despraza 10 unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos hospitais galegos, que precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade. “A nosa colaboración é fundamental para garantir a asistencia a moitas persoas. Investindo tan só 10 minutos podemos axudar a salvar a vida doutras persoas”, salientou Fernández Davila.