Sábado, 3 Maio de 2025

SOS Fonte de Troncoso pide ao Concello de Mondariz Balneario que free o deterioro dunha vivenda centenaria

A Plataforma pide á Policía Autonómica que actúe para evitar que a edificación acabe como o Hotel Avelino, o Hotel Roma ou a Fonte de Troncoso

A Plataforma SOS Fonte de Troncoso, nacida en principio para chamar a atención sobre o deterioro dese manancial termal e felizmente reconvertira nunha plataforma de defensa do abondoso patrimonio que posúe o municipio de Mondariz Balneario, vén de chamar a atención sobre unha vivenda unifamiliar centenaria ameaza con colapsar e esborrallarse en Mondariz Balneario.

Trátase dun inmoble de dous andares construída integramente en cantaría perfectamente labrada e escuadrada. Situada na rúa Alfonso Paredes, nome do que foi cronista oficial da vila, conta cunha superficie construída de 425 m2 e incumpre as condicións de seguridade e ornato legalmente esixibles. Esta vía pública é unha das dúas rúas de uso peonil coas que conta o concello.

A casa ten unha notable antigüidade, xa que aparece incluída no “Plano de Población de Mondariz Balneario” que trazou o arquitecto Juan Argenti en 1929, o que permite deducir que foi construída hai un século aproximadamente. Actualmente deshabitada, a súa cuberta empezou xa a perder algunhas das súas tellas, ao punto que algunhas delas caeron sobre a rúa peonil que lle dá acceso. Ademais as silveiras e as hedras ascenden xa sen control por dúas das súas fachadas, provocando a caída dalgunhas tellas da cuberta, o que supón un grande perigo para as persoas.

De tipoloxía vilega, a edificación destaca polo extraordinario balcón voado decorado cunha varanda de ferro fundido que loce na súa fachada principal, decorado con lazos e motivos vexetais enmarcados entre reberetes de matriz xeométrica en forma de bandas horizontais.

Estado da vivenda cando estaba habitada

SOS Fonte de Troncoso presentou un escrito ante a Policía Autonómica para que inste ás administracións competentes, Concello de Mondariz Balneario e Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a emprender as accións legais oportunas para que o seu propietario, a empresa Proyecto Euroinsular SL, cumpra co deber de conservación que impón o art. 135.c da Lei 2/2016 do Solo de Galicia, que afirma que “os propietarios de toda clase de terreos,construcións, edificios e instalacións deberán: (…) Conservalos nas condicións legais para servirde soporte aos ditos usos e, en todo caso, nas de seguridade, salubridade, accesibilidadeuniversal eornatolegalmente exixibles.”

Arquitectura protexida

A casa en perigo de esborrallarse localízase a 35 metros da rúa Ramón Peinador, a rúa principal do concello, e á mesma distancia da Praza de Abastos, un edificio protexido que forma parte do Catálogo de Bens Culturais aprobado no ano 2001 e do Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia1; este último documento traza un contorno de protección do edificio do Mercado que engloba a todas as casas situadas no seu contorno inmediato, entre elas a vivenda que nos ocupa, de tal forma que as obras que se acometan nela deberán ser autorizadas pola Xunta de Galicia. Para garantir o cumprimento destes deberes, SOS Fonte de Troncoso recorda que a Lei do Solo atribúe aos concellos o mecanismo das ordes de execución e a obriga de acudir aos medios de execución forzosa ou subsidiaria no caso do seu incumprimento (art. 136 e ss).


1 Resolución do 25/05/2020 da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, (DOG 15.06.2020). ID_51998