Sábado, 3 Maio de 2025

A Asociación de Hostaleiros de Ponteareas adhírese á campaña “Aquí gañamos tod+s”

Desde o Plan de Emprego de Cruz Vermella no Condado está a levarse a cabo a campaña “Aquí gañamos tod+s” para visibilizar e dar a coñecer tanto ás empresas galegas, como á poboación en xeral, os proxectos que se desenvolven desde a entidade, así como as diferentes vías de colaboración dispoñibles.

A finalidade do Plan de Emprego é mellorar a empregabilidade das persoas con máis dificultades e loitar contra as barreiras sociais que se atopan no camiño cara ao emprego.

Neste sentido, un dos obxectivos da ONG é xerar alianzas con empresas, de tal maneira que xunto a elas poidan proporcionar oportunidades laborais ás persoas máis vulnerables como son mulleres con baixa cualificación e en desemprego, mozos con baixa ou nula formación, persoas desempregadas de longa duración, persoas con máis de 45 anos ou persoas migrantes e refuxiadas. Algúns dos materiais que se repartirán para difundir o lema principal son bolsas de tea e vasos de papel reciclado.

Esta mañá, fíxose entrega dunha partida de vasos a Isidoro Piñeiro Almofrey, presidente da Asociación de Hostaleiros de Ponteareas, para que á súa vez sexan repartidos entre os asociados. Os vasos co lema “Aquí gañamos todos” teñen o obxectivo de difundir a mensaxe sobre a importancia de sumar esforzos, fomentar a igualdade de oportunidades e evitar situacións de discriminación.

Durante as próximas semanas, realizaranse diferentes accións de sensibilización no marco desta campaña en distintas localidades galegas como A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Vigo, Pontevedra e Vilagarcía.

Esta campaña forma parte do proxecto Reto Social Empresarial, do Plan de Emprego de Cruz Vermella, e leva a cabo co financiamento do Goberno de España e do Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES).