Sábado, 3 Maio de 2025

Mondariz inaugura en novembro o segundo ciclo de cinema feminista

No auditorio municipal, habilitado cun equipamento audiovisual para proxeccións cinematográficas desde principios de ano, están programados cinco filmes que ofrecen unha perspectiva feminina e feminista

O Concello de Mondariz intensifica en novembro a súa programación de actividades culturais, cun ciclo de cinema feminista que permitirá disfrutar de filmes nacionais e internacionais protagonizados por mulleres todas as semanas do mes. O ciclo de cinema “Con ollos de muller”, que arrancara o ano pasado cunha primeira edición, será inaugurado o venres, 5 de novembro, coa película “Figuras ocultas” (Theodore Melfi, 2016), e rematará o 26 de novembro co filme “Moxie” (Amy Poehler, 2021). Como colofón, o último sábado do mes (27 de novembro) proxectarase a película “A illa das mentiras” (Paula Cons, 2020) nun evento que contará coa presenza da directora galega e dunha das actrices protagonistas para un coloquio final co público.

“O 25 de novembro é o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A idea de programar actividades culturais que promovan a conciencia social sobre as desigualdades de xénero e as violencias relacionadas xorde do compromiso que ten o Concello de Mondariz con esta causa. Ademais deste ciclo de cinema feminista, organizaremos un escape room para a mocidade que leva por nome Rexeita o maltrato“, explica Anxos Carballo, concelleira responsable das áreas de Educación, Cultura, Mocidade e Igualdade en Mondariz.

A axenda de proxeccións cinematográficas no auditorio municipal do Concello de Mondariz durante o ciclo de cinema feminista “Con ollos de muller” será a seguinte:

  • Venres, 5 de novembro de 2021 (21:00 horas): “Figuras ocultas” (Theodore Melfi, 2016). Filme estadounidense nomeado aos premios BAFTA e Oscar que conta a historia real das científicas afroamericanas que traballaron na NASA na década de 1960, en plena carreira espacial e loita social polos dereitos civís das persoas de raza negra en Estados Unidos.
  • Venres, 12 de novembro de 2021 (21:00 horas): “Una cuestión de género” (Mimi Leder, 2018). Filme estadounidense baseado na vida de Ruth Bader Ginsburg, a segunda muller que chegou a ser maxistrada do Tribunal Supremo de Estados Unidos.
  • Venres, 19 de novembro de 2021 (21:00 horas): “Criadas y señoras (Tate Taylor, 2011). Filme estadounidense que nos leva ao Mississippi da década de 1960, onde unha moza soña con ser escritora e documenta a memoria persoal de mulleres negras que pasaron a vida ao servizo de grandes familias, sufrindo todo tipo de discriminación racial.
  • Venres, 26 de novembro de 2021 (21:00 horas): “Moxie” (Amy Poehler, 2021). Filme estadounidense que conta a historia dunha rapaza que, farta do ambiente sexista e tóxico do centro educativo onde estuda, decide publicar unha revista de xeito anónimo que provoca todo tipo de reaccións no seu entorno.
  • Sábado, 27 de novembro de 2021 (21:00 horas): “A illa das mentiras” (Paula Cons, 2020). Filme español rodado en Galicia que conta a historia das mulleres que axudaron no rescate do buque Santa Isabel no ano 1921 fronte ás contas da illa de Sálvora, con toques de misterio. A proxección contará coa presenza da directora, a galega Paula Cons, e unha das actrices protagonistas, Victoria Teijeiro.

Un auditorio municipal polivalente convertido en sala de cinema

As proxeccións terán lugar no auditorio municipal, con capacidade para máis de cen persoas e un equipamento audiovisual de recente adquisición que permite visionados de calidade cinematográfica, comparables aos das salas de cinema das cidades. A entrada a estes eventos será libre e gratuíta até completar a cabida permitida, sen necesidade de inscrición previa. As portas abriranse 30 minutos antes de cada proxección.

Con estas, xa son moitas as películas que proxecta o Concello de Mondariz nestas renovadas instalacións municipais. Durante os meses de primavera, coincidindo coa celebración das Letras Galegas, proxectáronse diferentes filmes galegos e unha retrospectiva da obra cinematográfica de Ignacio Vilar, coa presenza do director, que se prolongou até o pasado mes de outubro e tamén levou o cinema, como recurso educativo, ao alumnado do CPI de Mondariz con visionados especiais para esta audiencia. Ademais de Ignacio Vilar, no último ano teñen pasado por Mondariz directores e actores galegos de gran recoñecemento nacional e internacional como Óliver Laxe, Benedicta Sánchez, Amador Arias (“O que arde”) e Miguel de Lira e Federico Pérez (“Cuñados”). Este mes de novembro sumaranse a esta listaxe Paula Cons e Victoria Teijeiro (“A illa das mentiras”). 

“Na programación cultural priorizamos sempre a calidade das actividades, fronte a cantidade das mesmas. Para un concello pequeno como Mondariz, é un orgullo contar coa presenza de tantos directores, directoras, actores e actrices. O coloquio co público enriquece enormemente o visionado do filme, xa que se establece coas cineastas unha conversa íntima que nos achega ao proceso de creación”, asegura a concelleira Anxos Carballo.