Despois da súa estadía en diversos puntos da comunidade autónoma, a aula móbil formativa de “Enredando tour R” achégase á provincia de Pontevedra para instalarse o luns 4 en Lalín e desprazarse o martes 5 e o mércores 6 a Ponteareas e á Guarda respectivamente. É o momento das localidades pontevedresas, onde se pechará o percorrido desta actividade conxunta da Cruz Vermella e do operador galego R a prol da ‘inclusión dixital’ das persoas maiores.
Que a fenda non deixe ninguén atrás
A intención primeira desta acción é minorar o efecto da fenda dixital que tanto lle afecta a unha gran porcentaxe dos maiores e a outros colectivos vulnerables. Falamos de persoas que, por exemplo, durante o confinamento e nos momentos máis duros da pandemia, non puideron botar man das novas tecnoloxías para completar xestións esenciais como pedir unha cita médica, facer a compra ou realizar unha operación bancaria sen saír da casa.
R e Cruz Vermella teñen claro que o máis importante é que as persoas maiores lles perdan o medo ás novas tecnoloxías e desenvolvan habelencias básicas que lles permitan avanzar e aprender a navegar por internet, ter unha conta de correo ou enviar unha mensaxe. E, sobre todo, que non se sintan sós/soas e vexan que persoal especializado e persoas voluntarias da organización humanitaria lles darán o apoio dixital que precisen in situ, no espazo das formacións, e que á vez poden recibir asesoramento a través da páxina enredando.gal, creada especificamente para completar esta acción didáctica dedicada a eles.
Menús formativos (para todos os gustos)
O programa desenvólvese nunha aula móbil con contidos formativos vinculados ás novas
tecnoloxías. Unha furgoneta superequipada transporta os smartphones, portátiles, tabletas,
altofalantes intelixentes… e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á
realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá.
As persoas que participen poderán fedellar mentres ‘degustan’ un dos catro “menús
formativos” que Cruz Vermella e R lles teñen preparado para que elixan o que máis se
adapte ás súas necesidades.
En función deses menús, en horario de 10:00 h a 14:00 h, impartiranse nas zonas escollidas
de cada localidade 8 talleres (2 por menú) de 45 minutos cada un. Ao ser en espazo exterior
instalaranse uns toldos para o desenvolvemento da actividade e cumpriranse
escrupulosamente as esixencias sanitarias e medidas anti COVID-19 para garantir a
seguridade de todo o mundo e en todo momento.
Estas son as localizacións exactas das tres localidades da provincia de Pontevedra ás que
chega o tour a semana que vén:
- Lalín: Praza da Igrexa. Luns, 4 de outubro.
- Ponteareas: Praza Maior. Martes, 5 de outubro.
- A Guarda: Praza Avelino Vicente (“As de copas”). Mércores, 6 de outubro.
E esta é a carta de ”Enredando tour R”, cos seus 4 menús:
- “Vivo no mundo analóxico, rapaza”; menú básico para comezar a “enredar”.
”E ti… de quen vés sendo?”: para saber que é e como funciona o WhatsApp. - ”Dixitalízate, ho”: para aprender como se pode acceder ao SERGAS, ao banco, facer a
compra e, en xeral, como xestionar o máis cotián por internet. - ”Menú R: móbilR”: para coñecer a factura electrónica e outras utilidades e aplicacións
prácticas en internet.
Dende A Coruña ata A Guarda
Tras a súa presentación na Coruña o pasado 13 de setembro, e despois de percorrer as
devanditas localidades da Coruña, Lugo e Ourense, a aula móbil formativa con contidos
tecnolóxicos poralle o punto e final á actividade o vindeiro 6 de outubro na Guarda,
completando así este periplo que quere ser, sobre todo, un pasiño máis no derrubamento da
fenda dixital entre as persoas maiores e o universo tecnolóxico.
Para participar nos obradoiros de “Enredando tour R” as persoas interesadas poden chamar
ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a [email protected].
Sobre “Enredando”, de Cruz Vermella
“Enredando tour R” enmárcase dentro do proxecto “Enredando” de Cruz Vermella, cuxo
obxectivo xeral é reducir a fenda dixital entre a poboación que atende a Organización na
nosa comunidade autónoma.
Trátase dun proxecto de capacitación dixital que xorde para evitar procesos de exclusión
social por motivos económicos, de xénero, de idade, nivel educativo ou zona de residencia,
entre outros.
“Enredando tour R” é a primeira das grandes accións deste proxecto que se pon en marcha
e que aposta por apoiar as persoas maiores e sensibilizalas no uso das tecnoloxías, así como
axudalas a derrubar os temores e inseguridades que poidan ter a seu respecto.