Domingo, 4 Maio de 2025

O PP do Porriño denuncia o abandono que sofre o parking da Avenida de Galicia

“A concesionaria non cumpre con ningunha das súas obrigas, pero continúa cobrado aos usuarios polo seu uso”, critica Alejandro Lorenzo

Os populares do Porriño denuncian “o abandono e deficiencias” que sofre o aparcadoiro da Avenida de Galicia, “no que se están incumprindo de xeito grave” os pregos polos que se adxudicou a concesión en 2004, e durante 40 anos, á empresa Cota 7 servizos e inversións S.A.

O voceiro Alejandro Lorenzo, explica que “a empresa concesionaria está incumprindo en todos os aspectos coas súas obrigas, leva varios anos sen pagar o aluguer, está sucio, mantemento extintores nulo, falta hixiene e non existe atención presencial no aparcamento, pero si continúa cobrando aos usuarios polo seu uso ante un Goberno local que non fai absolutamente nada”. Ademais, tampouco hai seguridade e o ascensor está fóra de servizo, polo que impide o acceso a persoas con mobilidade reducida e carros de nenos.

Esta situación deixa en evidencia, segundo o popular, “a pésima xestión do PSOE -BNG do Porriño, con pouca capacidade para solucionar os problemas e unha deixadez absoluta para reclamar á concesionaria que cumpra e garanta un servizo de calidade nunha instalación pública”. Por iso, o PP solicitou ao secretario, interventora e tesoreira municipais informes sobre a concesión do aparcamento, e saber cales son os pagos realizados pola empresa, o grao de cumprimento dos pregos técnicos e administrativos da concesión, os cobros que están pendentes e os requirimentos que fixo o Concello do Porriño á empresa concesionaria.

“O Concello do Porriño ten que adoptar de xeito inmediato as medidas necesarias para o bo cumprimento dos pregos. Existe un total descontrol na vixilancia deste contrato. O Goberno local non poder deixar de xestionar o seu patrimonio, debe velar polos intereses da cidadanía do Porriño e obrigar á empresa concesionaria que cumpra todos os pregos e condicións do servizo”.