Domingo, 4 Maio de 2025

A Xunta transferiu hoxe ao Concello de Ponteareas a estrada provincial EP-4004

O Consello da Xunta autorizou hoxe o decreto polo que se autoriza o cambio de titularidade a prol do Concello de Ponteareas da estrada provincial EP-4004 de acceso á Igrexa de Guláns e de varios treitos antigos da EP-4005, nos lugares da Manga e de Monte da Mina; e da EP-4006, no lugar da Forcadiña.

O Concello de Ponteareas e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio  no que estableceron a obriga da entidade municipal de solicitar a transferencia de titularidade destes viarios.

A Administración provincial acordou aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Ponteareas e emitiu así informe favorable para a transferencia do tramo de 490 metros da estrada provincial EP-4004 de acceso á igrexa de Guláns; de dous treitos antigos da EP-4005, do punto quilométrico 1+195 ao 1+320 e do 1+930 ao 2+040; así como do antigo treito da estrada da EP-4006, do punto quilométrico 1+100 ao 1+700.

A transferencia a prol do Concello de Ponteareas tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade aprobado hoxe o Concello terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento. O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.