Domingo, 4 Maio de 2025

O Sergas, a petición da Alcaldía de Redondela, realiza un cribado COVID ás nenas e nenos dos campamentos de conciliación

A Alcaldía de Redondela solicitou o día 5 de xullo ao Sergas a realización desta proba “ante a progresión de casos que están activos no noso Concello”

No día de onte deuse por rematado o cribado COVID ao que foron sometidos as nenas e nenos participantes nos Campamentos de Conciliación e as súas familias. A medida, solicitada pola alcaldesa de Redondela ao Sergas o día 5 de xullo –catro días depois do inicio dos campamentos– buscaba garantir a saúde das e dos participantes e ante o incremento de casos activos por coronavirus que estaba a sufrir o concello.

No escrito dirixido á Xerencia da Area Sanitaria de Vigo, Digna Rivas daba conta do inicio –o 1 de xullo– do campamento de Conciliación de Verán e amosaba o seu interese “en que se faga o cribado preventivo os nenos e nenas, asi como ás familias” polo que pregaba que lle remitiran instrucións sobre “os datos que temos que recabar os usuarios do campamento para poder iniciar o cribado canto antes, vendo a progresión dos casos que están activos no noso concello”.

Tanto a alcaldesa como a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, subliñaban que a petición realizada á administración sanitaria respondía a un “exercicio de responsabilidade”. De feito, explica a concelleira de Igualdade “os campamentos desenvólvense con todas as medidas de seguridade sanitaria esixibles” xa que, engade, “non só se trata de ofrecer unha solución á conciliación laboral e familiar, senón que é preciso facelo garantindo a saúde dos nosos nenos e nenas e que as familias poidan estar tranquilas sabendo que se toman todas as medidas precisas para ese fin”

A alcaldesa Digna Rivas, quixo agradecer a colaboración da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo á hora de desenvolver estas probas ao mesmo tempo que facía un chamamento á cidadanía “a non baixar a garda” e seguir actuando “coa responsabilidade que, veciñas e veciños, amosaron nos tempos máis críticos desta pandemia”.

Punto de activación de Chave365 e obtención certificado de vacinación

Doutra banda, o Concello de Redondela, en colaboración co Sergas, vén de habilitar un punto de obtención do certificado de vacinación COVID-19 e activación da Chave365, unha identificación persoal e segura que permite o acceso ao servizo É-Saúde, unha páxina de interacción directa entre as persoas usuarias e o Sergas, a través da que se poden realizar, de xeito seguro –de aí a necesidade de posuír as claves de Chave365– diversos trámites relacionados coa saúde como petición de citas ou seguimento das xa solicitadas, consulta de historiais ou medicación activa entre outros moitos.