Domingo, 4 Maio de 2025

Baiuca, principal atractivo das Festas Culturais de Mondariz

A innovación sonora de Baiuca (15 de agosto) compleméntase coa actuación do grupo local de música folk 'Volta e Dálle' (14 de agosto) e das agrupacións 'Llorente & Tribu' e 'Supersonics' (16 de agosto)

O Concello de Mondariz, por segundo ano consecutivo, organizou unha programación cultural baseada en concertos e actividades para público infantil para celebrar as tradicionais Festas Patronais da Virxe da Peña de Francia e San Roque en condicións de seguridade. O ano pasado, diante das incertezas pola crise sanitaria, optouse por organizar un festival con grupos de música folk vencellados á localidade que levou por nome ‘Todo queda na casa’.

A actuación de Baiuca, que xa estaba na axenda cultural de 2020, tivo que ser reprogramada e agora, coa situación sanitaria máis estabilizada, é o principal atractivo das Festas Culturais de Mondariz 2021.

O evento, con todo, mantén a esencia do festival ‘Todo queda na casa’ porque tamén se convocou a un grupo de música folk de Mondariz, como Volta e Dálle. “Consideramos que é importante visibilizar e dar oportunidades ao talento local. En Mondariz temos unha enorme tradicional musical que hai que reivindicar na propia programación cultural”, destaca Anxos Carballo, concelleira de Cultura de Mondariz.

Tanto o concerto de Baiuca como as outras actividades programadas nas Festas Culturais de Mondariz son de acceso libre e gratuíto até completar a cabida permitida no recinto, que estará controlado para supervisar o cumprimento das medidas anticovid.

Baiuca vén de presentar este ano o seu último traballo discográfico, ‘Embruxo’, no que profunda na vangardista e aplaudida mestura de sons propios da tradición galega e a electrónica. Actualmente, atópase inmerso nunha xira de concertos pola xeografía española, polo que actuacións como a de Mondariz supoñen unha oportunidade única de apreciar este proxecto musical en directo.