A edición 2021 da Ruta das Artes e Oficios organizada polo Concello de Tomiño arranca este xoves, 29 de xullo.
“Trátase dunha actividade, de balde, que ten coma fin promocionar o patrimonio de Tomiño. Enfocada esta vez, máis nos oficios que nas artes (coma en anos anteriores), a ruta permitirá coñecer mellor ás empresas e particulares que desempeñan un oficio tradicional”, explica a concelleira de Eurocidade, Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez.
Unha visita ao obradoiro do escultor Luis Álvarez, artista tomiñés recoñecido pola súa obra en pedra, abre a ruta desta edición.
Aínda que a maior parte das súas obras as realiza en mármore e granito, tamén traballa materiais como a resina, a escaiola, o metal, a madeira ou o canto rodado. Xustamente disto falará aos seus visitantes este xoves, ensinándolles o proceso das súas esculturas.
Entre as súas creacións podemos atopar cruceiros, fontes, figuras relixiosas, monumentos e unha gran variedade de imaxes decorativas como lámpadas de grandes dimensións. Recentemente esculpiu no seu taller os dous leóns e o escudo da réplica do famoso templete do arquitecto porriñés Antonio Palacios, que vén de ser instalada na entrada do Metro Gran Vía, de Madrid.
Programa
A saída será o día 29 ás 20.30h, enviándose desde o Concello a ubicación ás persoas inscritas.
Esta ruta, como o resto delas, son para todo público e gratuítas, sendo imprescindible inscrición previa.
A actividade continuará o día 12 de agosto, cunha visita ao taller de Diana Pereira Oliveira-Ivindi, experta en xoiaría artesanal.
Seguiralle unha visita guiada pola plantación cítrica local “Cítricos Rías Baixas”, para coñecer de primeira man o proceso de elaboración dos seus produtos, o día 19 de agosto.
A seguinte visita guiada será o 26 de agosto, a Viveiros Río Tollo onde poderase coñecer in situ o proceso de produción das súas variedades ornamentais máis importantes.
Por outra banda, o Concello ofrece este ano, tamén de balde, unha visita guiada polo patrimonio etnográfico de Tomiño. Será o 6 de agosto ás 20.30h. Xosé Lois Vilar, membro do Instituto de Estudos Miñoranos, dará unha charla no salón de plenos do Concello, e posteriormente aos petróglifos do Monte Tetón.
Todas as actividades son de balde pero é preciso realizar inscrición previa, por razóns de aforo, chamando ao Concello (986 622 001/03) ou enviando os datos por correo electrónico a cultura@tomino.gal ou omix@tomino.gal.