Sábado, 3 Maio de 2025

Mondariz inicia os seus pagamentos á Xunta polo Centro de Día

O Centro de Día de Mondariz, que no ano 2019 acumulaba impagamentos deste concello por valor de 97.500 € que ameazaban a renovación do convenio e a propia situación económica-financieira municipal, está hoxe en día totalmente estabilizado. O Goberno municipal, malia estar en minoría, foi quen de negociar a débeda acumulada co Consorcio Galego de Benestar Social, renovar o convenio en 2020 e cumprir cos seus compromisos tras incluír no orzamento municipal a previsión destes pagamentos. Así pois, este mes de xullo, ao recibir a liquidación correspondente ao primeiro semestre de 2021, o Concello de Mondariz procedeu ao pertinente pagamento e non arquivou o asunto, como se fixera anteriormente.

“Tamén estamos negociando coa Xunta de Galicia o pagamento das liquidacións pendentes dos anos 2019 e 2020, para o que contamos dispoñer de fondos orzamentarios oportunos, e o pagamento das débedas correspondentes aos anos 2017 e 2018”, explica José Luis Fernández, concelleiro de Facenda e de Servizos Sociais de Mondariz.

En marzo de 2020, o Concello de Mondariz negociou un novo convenio a cinco anos para substituír ao convenio a dez anos que se asinará en 2010 co Consorcio Galego de Benestar Social. O actual Goberno municipal, que se puxo a traballar despois das elecciones de xuño de 2019, soubo dos impagamentos acumulados que reclamaba a Xunta no verán dese mesmo ano e tivo que asumir un proceso de xestión administrativa e negociación sen contar cun orzamento actualizado que recollese eses compromisos.

Naquel momento, a Xunta reclamaba un pagamento de liquidacións semestrais pendentes desde 2017 por valor de 97.500 €. Malia que o Centro de Día de Mondariz comezara a funcionar anos antes, en 2017 mudouse o sistema de cofinanciación. Deuse aos concellos a posibilidade de manterse no sistema de cofinanciación anterior, pero o Goberno daquel momento aceptou o novo sistema de cofinanciación por omisión. En 2017, o Concello de Mondariz comezou a recibir as liquidacións correspondentes ao novo sistema de cofinanciación, pero non se pagou nin se incluíu ningunha partida no orzamento de 2017 para esta fin. Anteriormente tampouco se pagara nada. O propio Consorcio, durante unha reunión que mantivo co Goberno actual, confirmou que esa débeda anterior a 2017 estaba “aparcada lexislativamente”. 

Co sistema de cofinanciación que entrou en vigor en 2017, Mondariz paga 2.500 euros por cada habitante do Concello que faga uso do Centro de Día a pesar de que as instalacións son de propiedade municipal, pero non pode asignar ningunha das 30 prazas entre os seus veciños porque esta é unha competencia da Xunta. Polos usuarios do Centro de Día que veñen doutros concellos, a Xunta asume o custo total do servizo (7.500 euros por usuario).