Venres, 9 Maio de 2025

Ponteareas pon en marcha os campamentos de verán ‘Activa Tea’

‘ActivaTea’ oferta a mozas e mozos de 13 a 17 anos un amplo programa de actividades lúdicas e formativas durante o mes de agosto

O Concello pon en marcha unha nova edición de ‘ActivaTea’, un campamento de verán pensado para mozos e mozas de 13 a 17 anos cun amplo programa de actividades de lecer e educativas co que desfrutar durante todo o mes de agosto.

A Concellería de Mocidade, que dirixe Miguel Bouzó, aposta así un ano máis por ofrecer estes campamentos “pensados para unha franxa de idade que habitualmente require unha maior oferta lúdica e formativa e para a que non hai tanta dispoñible, favorecendo ademais a conciliación laboral e familiar entre a nosa veciñanza”.

As actividades desenvolveranse ao aire libre os luns, mércores e venres do 2 ao 30 de agosto en horario de 10 a 14 horas e terá un prezo de 25 euros.

O obxectivo é facilitar a volta á normalidade dos participantes, ofertándolles espazos de lecer e socialización saudábeis, creando espazos de convivencia, fomentando a autonomía e a interacción e o traballo en equipo, sempre mantendo e cumprindo as normas sanitarias necesarias na actual situación sanitaria. Por outra banda, aproveitando que moitas das actividades se celebrarán en espazos naturais e abertos, con ‘ActivaTea’ tamén se porá en valor os recursos de interese en Ponteareas, promovendo ao tempo a sensibilización ambiental e o servizo comunitario.

O edil de Mocidade, Miguel Bouzó, explica que neste campamento “desenvolveranse múltiples actividades lúdicas e participativas sen esquecer o compoñente formativo e educativo”. Farase sempre “dende unha perspectiva eminentemente participativa, na que sexan os propios mozos e mozas as que formen parte do deseño e preparación das actividades, fomentando a interacción e socialización do grupo normalizando a aplicación de todos os protocolos de prevención derivadas da COVID-19 e adestrando novas habilidades sociais que suavicen as consecuencias da situación sanitaria”.

Durante estes días a mocidade participante no ‘ActivaTea’ poderá divertirse con actividades como un escape room que porá a proba a súa capacidade de observación e o traballo en equipo; unha xincana de auga para os día calorosos ou de valores do deporte; un curso de steam para achegarse á tecnoloxía a través de divertidos experimentos; rutas de orientación; un percorrido ambiental polo Tea ou unha visita á praia fluvial da Freixa e ás piscinas municipais; obradoiros de técnicas circenses, baile, creación e edición de vídeo ou cariocas moradas, entre outras moitas máis. En caso de que o tempo non acompañe organizaranse actividades de interior.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa na OMIX, situada na Biblioteca Municipal, enviando un correo electrónico ao enderezo [email protected] ou chamando ao teléfono 986 660 765.