O programa Mocidade Viva prepara unha nova actividade coa que promover un lecer saudábel e alternativo para rapaces e rapazas maiores de 12 anos. Este venres 23 de xullo a partir das 20.00 horas, mozos e mozas poderán participar nas Xornadas de Voleibol, unhas horas nas que coñecer ou achegarse un pouco máis a este divertido deporte cheo de beneficios para corpo e mente.
As xornadas desenvolveranse nas pistas polideportivas da Freixa e, en caso de choiva, trasladaranse ao xoves 29 de xullo. A actividade será de balde e desenvolverase con todas as medidas sanitarias de seguridade. Pódese solicitar máis información ou inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo [email protected].
O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, anima a toda a rapazada a participar nesta actividade e en todas as organizadas este verán ao abeiro da iniciativa Mocidade Viva, un programa estábel de actividades lúdicas e formativas dirixidas á mocidade, ofrecéndolles espazos de lecer e socialización seguros e saudábeis.