Mércores, 18 Xuño de 2025

Tomiño renovará o tramo municipal da estrada de San Salvador de Tebra

Ademais, dotarase ao vial dunha senda peonil, pavimento e arborado novos para mellorar a estética do mesmo

O Concello de Tomiño vén de adxudicar as obras de “MELLORA do VIAL SAN SALVADOR DE TEBRA” que consistirán na renovación completa do vial SST-001, de titularidade municipal, no tramo 0-0,2km.

O Concello pretende acometer, dando tamén resposta á unha demanda veciñal, a renovación da urbanización do tramo inicial do vial ata o cruzamento onde está situado o centro social e a igrexa parroquial. Debido ao mal estado de conservación da estrada, sobre todo, no espazo destinado a beirarrúas de uso peonil, se aproveitará para renovar tamén a estética do vial, creando unha nova senda para peóns.

As obras, que terán un custe de 107.366,02 euros, incluirán a construción dunha plataforma única para peóns e tráfico rodado, distinguindo con pavimentos diferentes os itinerarios peonís e de vehículos.

Asemade, ampliarase o ancho das beirarrúas de uso peonil para cumprir, nunha delas, coas medidas que se esixen actualmente en materia de accesibilidade.

Ademais, dotarase de pavimentos e arborado novos ao tramo de propiedade municipal para mellorar a súa estética, uniformándoa coas actuacións realizadas na contorna da igrexa e do centro social de Sal Salvador de Tebra.

“Coa actuación proxectada, conseguirase facer máis accesible e amable o vial para os peóns, mellorándose a imaxe do mesmo para que estea en sintonía coas actuacións realizadas na contorna, e emendando o mal estado de conservación no que se atopa na actualidade”, precisa a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

O espazo restante irá destinado ao uso peonil, distribuído en dúas beirarrúas: unha dun metro de ancho no marxe esquerdo e outra de 2,5 metros, cumprindo deste xeito a última coa normativa de accesibilidade. Nesta, o alumeado público irá acompañado de árbores de tipo ornamental. Toda a vía estará á mesma altura, facéndoo completamente accesible, empregando aglomerado asfáltico para o pavimento rodado e formigón pulido coloreado para as zonas peonís.