Domingo, 4 Maio de 2025

O Balonmán Cañiza aposta pola experiencia de Mino Borja para dirixir ao equipo feminino na súa nova etapa na División de Prata

O Balonmán Saeplast Cañiza vén de anunciar a fichaxe do alacantino Mino Borja como novo adestrador do seu equipo feminino que este ano, por méritos propios, conseguía o ascenso á División de Prata. Aposta o equipo cañicense por un adestrador que ten xa experiencia na categoría –ven de adestrar ao Benidorm de Plata Feminina– e que ademais posúe unha ampla experiencia na Nacional Masculina valenciana.

Dicía un adestrador, con anos de experiencia ás costas, cando lle preguntaban polo ascenso do seu equipo que “ascender non é dificil, é complicado. O difícil e manterse na categoría á que ascendes”. Seguindo esa premisa, o Balonmán Cañiza sabe que o complicado foi ascender e que o difícil ven agora.

A fichaxe de Mino Borja aporta, polo tanto, ese punto de experiencia que se vai precisar nunha nova categoría, dura, moi dura e na que as cañicenses terán que poñer todo dende o primeiro partido. Pero a aposta por Mino Borja ten unha segunda lectura, a do traballo coa base, a de preparar as nenas e nenos dende as categorías inferiores, algo no que tamén traballará o novo adestrador.

Comeza, sen dúbida, unha época ilusionante. Quédome coa frase de Valero Rivera, un adestrador capaz de dominar Europa durante cinco tempadas seguidas: “Se só pensas en gañar, é máis facil que perdas. É mellor pensar en como gañar”.