Domingo, 4 Maio de 2025

Redondela prepárase a vivir unha Festa da Coca diferente, obrigada polas circunstancias, pero “mantendo viva a súa esencia”

A Danza das Espadas e as penlas non se celebrarán dada a imposibilidade que tiveron os participantes de realizar os ensaios e as medidas preventivas da covid-19

Redondela comeza hoxe, xoves 3 de xuño, unhas festas da Coca 2021 atípicas, por las circunstancias de precaución sanitaria que segue a impoñer a pandemia da covid-19 pero que, en palabras ca alcaldesa Digna Rivas “buscan manter vivo o espírito dunha das nosas celebracións máis tradicionais”.

As alfombras reduciranse en número, coa fin de evitar aglomeracións nas rúas, e realizaranse na Praza do Concello, adro da igrexa parroquial, rúa Adro, praza Reveriano Soutullo (praza de Lenda), Casa da Torre e praza José Figueroa. Pola súa banda, o domingo confeccionarase unha última alfombra na rúa Rita Regojo.

Paralelamente, a Concellería de Eventos que xestiona Marta Alonso, vén de elaborar un programa de actividades que comezará mañá, xoves 3, ás 11 horas cos pasarrúas da Banda de Música de Redondela para, ás 11:30, celebrarse o tradicional desfile da Coca escoltada polos Xigantes e Cabezudos e que contará co acompañamento musical do grupo de gaitas O Carballo das Cen Polas.

O venres 4 de xuño, ás 19 horas e na Alameda Castelao, terá lugar o concerto de Uxía Lambona.

O sábado 5 de xuño, ás 11 horas, a xornada abrirase cos pasarrúas da Banda de Música de Arcade, quen, ás 13 horas, ofrecerá un concerto na Alameda Castelao. A xornada pecharase co concerto que ás 20 horas, tamén na Alameda Castelao, ofrecerá Sabela Cereijo.

O domingo 6 de xuño, xornada na que se confeccionará a alfombra en Vilavella (rúa Rita Regojo), a Banda de Música de Chapela, ofrecerá o tradicional pasarrúas ás 11 horas e, cara ás 11:30 h a Coca e os Xigantes e Cabezudos, acompañados polo grupo de gaitas O Carballo das Cen Polas, percorrerá as rúas da vila.

A xornada rematará co concerto que ofrecerá a Banda de Música de Chapela na Alameda Castelao ás 19 horas.

“Non son as festas de sempre, as que nos gustan a todas as redondelás e redondeláns, pero son, pese a todo, as festas da Coca”, insiste a alcaldesa Digna Rivas ao mesmo tempo que adianta que “o vindeiro ano, en que esperemos a pandemia estea superada, Redondela vivirá unhas Festas da Coca como sempre foron, de celebración nas rúas, coa Danza das Espadas e das penlas que forman parte inseparable da nosa propia identidade”.