Venres, 9 Maio de 2025

O BNG de Redondela organiza un acto público sobre os parques eólicos na comarca

O BNG de Redondela vén de chamar á veciñanza a participar na charla que van celebrar sobre as políticas da Xunta de Galiza de promoción de parques eólicos por toda Galiza, e tamén nesta bisbarra, acto que terá lugar hoxe venres, 28 de maio, ás 20 horas no multiúsos da Xunqueira.

Neste Acto Informativo aberto a toda a veciñanza, que ten como obxectivo facilitar información de primeira man sobre este tema, participarán o voceiro municipal, Xoán Carlos González; o responsábel local de Pazos de Borbén, Xurxo Pardo, e a deputada nacionalista, Alexandra Fernández.

“Escudándose nun posíbel orixe verde da enerxía producida, este modelo obedece únicamente á estratexia de ocupar con muíños de vento, prácticamente toda a xeografía do noso País”, sinalan dende o BNG.

No concello de Fornelos de Montes, explica a formación nacionalista, existen grandes probabilidades de construír un parque deste tipo. En Pazos de Borbén, estaba previsto outro, que mesmo podería afectar ao concello de Redondela.

“Redondela debe seguir exercendo de cabeceira de comarca, e estar disposta a movilizarse para evitar que as políticas da Xunta da Galiza, únicamente ao servizo de intereses especulativos, volvan a utilizar o monte, como un grande polígono”, sinalan.

Con tal motivo o grupo municipal redondelá, presentou unha Moción de Urxencia ao Pleno da Corporación, para rexeitar un modelo “expoliador e agresivo, que segue apostando por unha xeración enerxética, ao servizo dos intereses empresariais, non sociais”, informa.