Este venres, 28 de maio, alomenos 63 alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO do CPI de Mondariz cambiarán as aulas do centro educativo pola sala de cine recentemente instalada no Auditorio do Centro Social de Mondariz para aprender sobre lingua e literatura a través dun visionado do filme “A esmorga” en pantalla grande e un coloquio exclusivo co director Ignacio Vilar. A experiencia repetirase o próximo 4 de xuño coa película “Pradolongo”, tamén de Vía Láctea Filmes e obra de Vilar.
“Con esta actividade para o alumnado do CPI de Mondariz queremos incluír a educación na axenda cultural municipal. Cooperar co CPI de Mondariz é fundamental para que a mocidade teña acceso a máis oportunidades formativas complementarias”, explica Lita Carballo, concelleira de Cultura e Mocidade e de Educación e Igualdade.

Para alumnado e profesorado, o visionado destas películas forma parte de actividades de ensinanza e aprendizaxe dentro das materias de lingua e literatura. “A esmorga”, que chegou aos cines a finais de 2014 e foi candidata aos Goya na categoría de mellor guión adaptado, parte da novela homónima de Eduardo Blanco Amor. “Pradolongo”, que foi estreada en 2008, permite estudar a fala propia da comarca de Valdeorras, onde foi rodada. O director, Ignacio Vilar, xa ten levado ás aulas estas e outras das súas obras, mais nunca no CPI de Mondariz.
“Confiamos en que estas actividades complementarias poidan servir para celebrar o remate dun curso que se iniciou en setembro de 2020 con moitas incertezas por mor da pandemia”, engade a concelleira.
O recente investimento municipal nun novo equipamento audiovisual para o Auditorio do Centro Social permite utilizar este espazo público como sala de cine. Grazas á instalación dunha pantalla automatizada de grandes proporcións (6×5 metros) e dun proxector de alta calidade valorados conxuntamente en 9.680€, actualmente pódense programar proxeccións cinematográficas con maior regularidade. Desde a inauguración do novo equipamento audiovisual, o pasado 30 de abril, proxectáronse filmes semanalmente e decenas de veciños e veciñas disfrutaron da experiencia.
Ademais destas proxeccións dirixidas ao alumnado do CPI de Mondariz, o Concello de Mondariz organizou con Vía Láctea Filmes outras dúas de entrada libre e gratuíta até completar a cabida permitida do Auditorio do Centro Social. O mesmo venres, 4 de xuño, ofrecerase un segundo pase de “Pradolongo” a partir das 21:00 horas; mentres que o sábado, 19 de xuño, pecharase a tempada co filme “Vilamor” a partir da mesma hora. O director, Ignacio Vilar, estará presente os dous días para conversar co público.
A tempada de proxeccións cinematográficas no Auditorio do Centro Social retomarase en outubro con outros filmes, xa que durante os meses de verán hai programadas proxeccións ao aire libre. “Temos o compromiso de manter a programación cinematográfica no Auditorio do Centro Social con ciclos como o de cine feminista, que xa tivo moi boa acollida o ano pasado”, sinala o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.