Luns, 5 Maio de 2025

A Asociación de Alfombristas de Ponteareas inaugura en Santiago a exposición fotográfica ‘Foto Souto, a retina do Corpus’

A Asociación de Alfombristas del Corpus Christi de Ponteareas inaugura este vindeiro sábado, 8 de maio ás 12 horas, no hotel ‘Oca Puerta del Camino’ de Santiago de Compostela, a exposición fotográfica ‘Foto Souto, a retina do Corpus’ e unha alfombra dedicada ao Camiño de Santiago.

Ponteareas, “o berce do alfombrismo español”, explica a Asociación de Alfombristas de Ponteareas, presenta esta exposición fotográfica “que recolle 75 anos das nosas alfombras florais, e amósanos as imaxes captadas por tres xeracións de fotógrafos desta vila”.

Click para ampliar

As fotos expostas achégannos á visión dos fotógrafos, de como o pobo de Ponteareas elabora as alfombras para o paso do Santísimo desde fai máis de douscentos anos. “Son imaxes dun gran valor sentimental xa que, a traves delas, podemos revivir esas alfombras efémeras de anos anteriores e non lembran as persoas que as elaboraron”.

A menos dun mes da festa grande de Ponteareas, a Asociación de Alfombristas continúa o labor de difusión da Festa do Corpus Christi declarada de Interese turístico Internacional.

A Asociación de Alfombristas de Ponteareas quere facer público o agradecemento “á sensibilidade e interese manifestados pola dirección do Hotel ‘Oca Puerta del Camino’ que puxo ao dispor da Asociación todos os medios con que conta o Hotel para a realización da devandita exposición”.

A exposición permanecerá aberta ata o domingo 6 de xuño, data na que se celebra a festa do Corpus Christi en Ponteareas e, sen dúbida, será vista por todos aqueles peregrinos que se acheguen a Santiago de Compostela neste Ano Santo Compostelán.