Sábado, 3 Maio de 2025

Aberto o prazo para solicitar axudas para obras nas traídas veciñais de augas en Ponteareas

O importe total é de 70.000 € e o prazo rematará o vindeiro 11 de maio

O goberno de Ponteareas informa da apertura do prazo, ata o vindeiro 11 de maio, para que todas as asociacións de traídas veciñais de augas poidan solicitar as axudas convocadas por importe de 70.000€. Na pasada semana, as entidades recibiron toda a información por parte do Concello, para que puidesen preparar a súa documentación e agora presentala.

“Grazas a esta convocatoria de axudas, puidéronse realizar investimentos por importe superior a medio millón de euros na maioría das parroquias con traídas veciñais”, lembran dende o goberno do BNG e do PSOE.

A convocatoria deste ano primará as peticións das traídas que non recibiron axuda noutros anos. Ademais, a concesión destas axudas supón unha inxección de fondos que promoven o emprego próximo, porque permiten que as comunidades de augas contraten obras que, moitas veces, son realizadas por pequenas empresas locais.

As bases da convocatoria e os formularios de solicitude a presentar poden consultarse na web municipal https://ponteareas.gal/axudas-subvencions/.