Sábado, 3 Maio de 2025

O BNG denuncia as descualificacións e insultos do alcalde de Mondariz Balneario ao seu voceiro

O BNG vén de denunciar publicamente os ataques con insultos, descualificacións e ameazas do alcalde de Mondariz Balneario ao voceiro nacionalista, César Gil, no pleno extraordinario realizado nos pasados días para debater a modificación do orzamento. O Bloque lamenta que “o rexedor da vila, José Antonio Lorenzo, elude o debate das propostas do BNG en defensa da veciñanza e, co aval dos demais concelleiros do PP, ataca ao noso portavoz proferindo descualificacións. “Usted no sirve para nada, es una vergüenza que esté aquí sentado“, “molesta“, “aburre a las piedras” ou afirmacións como “donde pongo el ojo, pongo la bala”, son algunhas das expresións que denuncian os nacionalistas e que recollen con probas audiovisuais nas súas redes sociais.

“Esta actitude na sesión plenaria contrasta co ton propositivo do portavoz do BNG, César Gil, que con educación e respecto trasladou propostas como o deseño dun obradoiro de emprego dirixido a conservación dos Xardíns Históricos da vila, como alternativa á externalización do servizo que pretende o goberno local”, indica a formación nacionalista.

O grupo municipal do BNG en Mondariz Balneario cualifica estes feitos como “intolerables en calquera estado democrático”, e esixe ao PP “un cambio urxente de actitude e unha desculpa pública ante o que supón unha gran falta de respecto á veciñanza”.