Sábado, 3 Maio de 2025

A Confederación Miño-Sil mellorará a contorna do río Caselas ao seu paso por Caldelas de Tui

Nos próximos meses executarase unha senda peonil que enlazará con outras xa existentes, recuperarase unha levada e procederase á restauración de varios muíños, ademais da limpeza e conservación do leito

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, mellorará a contorna do río Caselas ao seu paso por Caldelas de Tui. José Antonio Quiroga, presidente da CHMS, visitou a zona de actuación para avanzar no proxecto, que se atopa en redacción, acompañado por Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, e a concelleira Ana María Núñez.

“Executarase unha senda peonil no río Caselas que enlazará con outras xa existentes, recuperarase unha levada tradicional e procederase á restauración de varios muíños, ademais da limpeza e conservación do leito. Queremos poñer en valor unha zona con importante riqueza etnográfica para o goce de veciños e visitantes”, explicou José Antonio Quiroga.

Estas actuacións incluiranse nun protocolo de colaboración que posibilitará os traballos e o financiamento dos mesmos e que será rubricado entre ambas as Administracións.

“A través deste proxecto, ademais, mellorarase o funcionamento natural do río, amortecendo o efecto dos procesos hidrolóxicos e aumentando a súa heteroxeneidade e grao de naturalidade. En cando ás técnicas, prestarase máximo respecto á contorna, sendo fundamental a súa integración co funcionamento ecolóxico do río e coa paisaxe fluvial e patrimonial da zona de actuación.” concluíu o presidente.