Domingo, 4 Maio de 2025

SmartPeme pon en marcha esta semana outros seis obradoiros online

Ata o 26 de febreiro o programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre a xestión administrativa 4.0, a técnica e composición en fotografía, técnicas de márketing, audiomarketing, Impresión 3D e mellora da produtividade

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana seis novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre a xestión administrativa 4.0, a técnica e composición en fotografía, técnicas de márketing, audiomarketing, Impresión 3D e mellora da produtividade.

En concreto, 0 martes 23 impartiranse os obradoiros “Xestión administrativa 4.0: firma dixital e facturación electrónica”, a cargo de Daniel Cerqueiro, Licenciado e Doutor en Ciencias Físicas e, por outra banda, “Técnica e composición en fotografía”,da man de Laura Taboada, Titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.

O mércores 24, Sonia Torres, Técnica en Empresas e Actividades Turísticas, impartirá “Técnicas de márketing para a promoción de tours, experiencias e actividades”, dirixido a empresas turísticas que inclúen diversos servizos de ocio e entretemento para viaxeiros, turistas e para a poboación local. No mesmo día, Laura Carrera, Graduada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá o obradoiro “Audiomarketing: crea e diferénciate da competencia cos podcast, onde falará da utilidade desta ferramenta.

O xoves 25, será a quenda de “Impresión 3D VII : Laminador cura III” a cargo do experto en robótica Manuel Freire, quen dará continuidade ao obradoiro impartido semanas anteriores. Para finalizar, o venres 26, falarase da “Mellora a túa produtividade con trello e outras aplicacións”, onde Fátima Faílde, Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, falará sobre esta ferramenta e como xestionar o noso traballo dende a casa.