O Partido Popular da Cañiza desvela que o goberno local é ser sancionado por incumprir a Lei “unha vez máis”. Neste caso, a Axencia Española de Protección de Datos sanciónao por incumprir a Lei de Protección de Datos e difundir por whatsapp información de carácter persoal dos integrantes das mesas electorais en 2019, entre os que se incluían o número de DNI ou o domicilio completo.
O voceiro do PP, Miguel Domínguez, recorda que estes son datos persoais que están protexidos pola Lei de Protección de Datos e aos que o goberno accedeu tras o pleno no que se sorteaba en 2019 a participación nas mesas electorais, cando aínda gobernaban os populares. Tras o sorteo, explica Domínguez, o actual alcalde fixo unha foto co móbil do resultado que se obtivo na aplicación informática do censo municipal e enviou a mensaxe por whatsapp, vulnerando así a Lei de Protección de Datos. Nesa fotografía non só aparecía o nome de todos os integrantes das mesas electorais, senón que tamén incluía outra información persoal.
A sanción vén como consecuencia dunha reclamación efectuada por Miguel Domínguez en 2019. Explica que “a mesma Lei que incumpre e pola que é sancionado, impide que poidamos facer pública a resolución do expediente sancionador, pero con esta resolución queda claro que Piña entende, unha vez máis, que está por riba da Lei. A ver que escusa inventa nesta ocasión, seguramente a culpa sexa de Miguel Domínguez porque o denunciou e non súa por incumprir a Lei”.