12.6 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoComo combater a desinformación nas redes sociais, a debate na VI Semana...

    Como combater a desinformación nas redes sociais, a debate na VI Semana da Educación de Tomiño

    A conferencia será impartida pola recoñecida xornalista e investigadora Marta Peirano o vindeiro mércores 10 de febreiro ás 19:00 horas

    O mércores 10 de febreiro terá lugar a terceira das conferencias programadas na VI Semana da Educación de Tomiño, unha xornada na que se falará da problemática e dos riscos que está supoñendo a desinformación e a difusión de Fake News a través das redes sociais, acentuada polo auxe destas plataformas, que nos últimos anos se tornaron o medio principal para seguir a actualidade de cada vez máis persoas. A conferencia será impartida pola recoñecida xornalista e investigadora Marta Peirano, e poderá ser seguida de balde por streaming o mércores 10 de febreiro ás 19:00 horas.

    O traballo de Peirano céntrase na intersección da tecnoloxía, a cultura e a política. Foi fundadora do periódico ADN, da revista Campobase e dos proxectos Copyfight, Cryptoparty Berlin e Hack Hackers Berlin. O seu blog persoal, La Petite Claudine, foi un dos dez máis lidos en español. Volveu a España en 2015 para traballar en eldiario.es, un diario nacional de perfil político onde foi xefa de Cultura e Tecnoloxía e, nos dous últimos anos, adxunta á dirección.

    Escribiu libros sobre autómatas, sistemas de notación para máquinas e formatos de produción colectiva. En 2015 publicou ‘O pequeno libro vermello do activista na rede’, un recurso imprescindible para xornalistas e o primeiro libro prologado por Edward Snowden. En 2019 publicou “El enemigo conoce el sistema”, un ensaio sobre o capitalismo de vixilancia onde conecta a nosa adición ao móbil coa industria de extracción de datos e o seu papel como ferramenta de control e manipulación de masas. “El enemigo conoce el sistema” esgotouse nas primeiras 24 horas e estase a preparar a súa novena edición. En 2019 foi elixido polo New York Times como un dos 10 mellores libros publicados en castelán.

    Colabora habitualmente coa Sexta e escribe en numerosos medios, incluíndo El País, eldiario.es e a revista Muy Interesante, onde mantén unha columna desde hai máis dunha década. Conduce unha sección semanal sobre tecnopolítica nas mañás de Radio Nacional de España e aparece frecuentemente como experta en informativos e documentais sobre desinformación, seguridade, cultura dixital e xeopolítica. A súa famosa charla TED, titulada “Por qué me vigilan si no soy nadie”, está a piques de alcanzar o tres millóns de visitas.

    Fóra dos medios, Marta Peirano é membro do Consello Asesor da Bienal do Pensamento de Barcelona e do grupo de traballo para a ciberdefensa do Centro Superior de Estudos da Defensa Nacional (CESEDEN), o principal centro docente militar conxunto das Forzas Armadas Españolas.

    CONFERENCIA:  Como combater a desinformación con campañas de inoculación efectivas

    Nos últimos tempos as redes sociais convertéronse no vehículo de transmisión perfecta da desinformación, un problema que supón un grave risco para a sociedade e que se ve acentuado pola cada vez maior importancia que teñen estas plataformas na vida das persoas, onde cada vez son máis as que empregan estas plataformas como medio principal de informarse. Isto non é só un problema técnico que poida ser resolto con algoritmos e Intelixencia Artificial, senón que supón un problema moito máis profundo. Na conferencia Marta Peirano fará unha análise sobre que ferramentas temos os cidadáns para combater esta realidade.

    Lémbrase tamén que as xornadas contarán con intepretación simultánea en lingua de signos. Poderase acceder á conferencia de Marta Peirano a través da plataforma Zoom, mediante a seguinte ligazón: https://us02web.zoom.us/j/84866860645.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.