Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello licita a explotación da cafetaría do parque das Pombas

O Concello de Ponteareas anunciou a licitación da explotación da cafetaría do Parque das Pombas. A instalación hostaleira está pechada desde finais do pasado ano cando o anterior adxudicatario renunciou a continuar coa súa xestión. O anterior contrato e as súas condicións tiñan a súa orixe no ano 1998 cando o goberno do Partido Popular de José Castro adxudicara a xestión da cafetaría por un prazo de 30 anos e cun canon de 600 euros anuais, é dicir, 50 euros ao mes.

Daquela, a oposición formada polas forzas políticas que actualmente gobernan na localidade, criticara o procedemento, a escasa contía do canon e a excesiva duración do contrato que obrigaba ao Concello a manter esas condicións até o ano 2028.

O concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, Roberto Mera, salientou que “afortunadamente para os intereses municipais, o actual Goberno recuperou xa a cafetaría para facer unha nova concesión, con outras condicións acordes aos tempos actuais deixando atrás un contrato obsoleto e prexudicial para o Concello”.

No novo prego de condicións establécese como renda mínima mensual 250 euros, non aceptándose propostas inferiores a esta cifra. O prazo de duración da concesión será de 5 anos prorrogábeis un máximo de 2 máis. O concesionario deberá ademais realizar varias obras: adaptación dun dos aseos ás condicións de accesibilidade esixidas, instalar saída de fumes no caso de que pretenda introducir na oferta alimentos quentes e dotar de auga quente os aseos e cociña.

O criterio de adxudicación será a maior contía do canon mensual ofertado. No caso de empate, os criterios serán a maior porcentaxe de persoas traballadoras con diversidade funcional ou en situación de exclusión social, menor porcentaxe de contratos temporais de persoal e maior porcentaxe de mulleres empregadas.

Establécese a apertura de luns a sábado como mínimo de 13:00 a 21:00 horas e os domingos de 11:00 a 21:00 horas, podendo fixarse un día de luns a xoves como día de descanso.

As proposicións poden presentarse até o 11 de xaneiro no Rexistro Xeral do Concello e os pregos poden consultarse na plataforma de contratación do sector público nesta ligazón.

O concelleiro Roberto Mera salientou que “coa humanización da rúa Redondela que en breve se concluirá, o parque das Pombas e a súa cafetaría reforzarán o seu atractivo ao mellorarse a súa comunicación peonil co centro urbano a través dun traxecto amábel e de calidade”.