Domingo, 4 Maio de 2025

A Deputación lémbralle ao Concello de mos que o mantemento dos semáforos no vial Peinador-Os Valos “é de competencia municipal”

A institución provincial trasladou por escrito ata en tres ocasións ao Concello de Mos que o mantemento dos semáforos na EP 2601, EP 2602 e EP2603, é de competencia local ao tratarse de servizos urbanos con subministración eléctrica municipal

Non foi unha senón ata tres as veces que a Deputación de Pontevedra se puxo en contacto co concello de Mos para trasladarlle que o mantemento dos semáforos no vial Peinador-Os Valos, así como noutras vías que transcorren polo seu termo municipal, é de competencia local, ao tratarse de servizos urbanos con subministración eléctrica municipal. Deste xeito, novamente, a institución provincial vén de remitir hoxe mesmo unha carta á alcaldesa Nidia Arévalo, para recordarlle que o mantemento das instalacións semafóricas na EP-2601 Mos-Puxeiros no p.q. 1+850, na EP-2602 Peinador-Louredo no p.q. 1+650 e na EP-2603 Puxeiros-Peinador no p.q. 0+020, debe ser conservado e mantido polo goberno local.

“Lamentamos que os concelleiros e concelleiras non dispuxeran desta información, xa que non se entendería doutra forma a súa participación nun acto como o acontecido a pasada fin de semana”, recolle a misiva. Máis polo miúdo, na carta, a institución provincial recorda que xa no ano 2018 os servizos técnicos da Deputación detectaron a anomalía na vila, ao ser o único municipio da provincia que non asumía o mantemento de semáforos con subministración eléctrica municipal. Por este motivo, e para poñer fin á situación discriminatoria da que se beneficiaba unicamente Mos con respecto a outros concellos que si estaban a asumir este mantemento, remitiuse un primeiro escrito en decembro de 2018 no que se daba conta de que este servizo e o seu mantemento eran obrigas do concello.

Dende decembro de 2018 e ata hoxe, ante a ausencia de compromiso e mantemento por parte do concello de Mos neste eido, a Deputación de Pontevedra remitiu outros dous escritos, en xuño de 2019 e en agosto de 2020, nos que se recordaba que a única institución responsable do mantemento dos semáforos é o Concello.