Luns, 5 Maio de 2025

Doazón de “Fundación La Caixa” e CaixaBank ao Banco de Alimentos do Porriño

O almacén do Banco de Alimentos “SOS Porriño” recibirá esta tarde unha achega de 4.500 quilos de produtos non perecedoiros, grazas á doazón de 5.000 euros realizada por CaixaBank que canaliza unha axuda da “Fundación La Caixa”.

Esta achega constitúe unha axuda moi importante para o Banco de Alimentos de cara ao reparto de decembro. Actualmente “SOS Porriño” está a distribuír lotes de alimentos entre 430 familias do municipio o que supón que unhas 1.300 persoas que son beneficiarias directas. 

Este mediodía os representantes da entidade financeira, Gonzalo Dopazo, director, e María Eugenia Rial, subdirectora da oficina “store” de CaixaBank no Porriño fixeron a entrega simbólica ao Concello, representado pola alcaldesa Eva García e o concelleiro de Servizos Sociais, David Alonso, nas instalacións do “EKO-MAX” da cadea de distribución “Froiz” no polígono industrial de A Granxa.  A alcaldesa manifestou o agradecemento do Concello á CaixaBank e “Fundación La Caixa” por que “sempre está a amosar unha disposición permanente a colaborar en este tipo de accións sociais”. Gonzalo Dopazao, no nome da entidade, manifestou que “CaixaBank neste intre tan difícil para todos, prioriza a colaboración en achegas para colectivos en risco de exclusión”.