Domingo, 4 Maio de 2025

A Deputación abre o prazo para solicitar as axudas para “dar prestixio” ao galego

Repartiranse 220.000 € entre entidades e concellos para financiar actividades de dinamización da lingua galega neste 2020

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publica hoxe oficialmente as bases das axudas que concede este ano a Deputación para “dar prestixio” ao galego. As subvencións, segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, chegarán aos 220.000 euros e repartiranse entre as entidades sen fins de lucro (120.000 €) e os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia (100.000 €).

Con estas dúas liñas de axudas, que este ano se aproban por separado, o departamento de Lingua provincial ten como obxecto a dinamización da lingua galega co fin de potenciar o uso do idioma da Galiza no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores que teñan repercusión social, así como para fomentar a celebración das actividades de entidades culturais que poñan en valor o galego. A deputada responsable da área destaca que “é fundamental transformar a visión actual e converter o galego na lingua vehicular, unha ferramenta de traballo implementada con normalidade que permita chegar á xente”.

Para acceder ás subvencións valoraranse as accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega –certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega–, as actuacións en materia de sociolingüística e toponimia –estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia… –, o fomento do emprego do galego no comercio e na industria con xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega, ou os recoñecementos e distincións, en relación a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.

O prazo de presentación de solicitudes para entidades e concellos comeza a contar a partir de mañá e ten unha duración dun mes. As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva.