Venres, 9 Maio de 2025

Un estudo realizado en farmacias de Pontevedra e Ourense, premio ao Mellor Proxecto de Investigación no Congreso da SEFAC

No IX Congreso da Sociedade Española de Farmacia Familiar e Comunitaria (SEFAC), celebrado de maneira virtual en Bilbao, nos días 19 ao 22 de outubro con participación de máis de 2.700 farmacéuticos de España, Portugal e Hispanoamérica, un proxecto do Grupo Berbés de Investigación e Docencia sobre a ‘Percepción dos usuarios das farmacias sobre a Covid-19” obtivo o premio ao mellor estudo de investigación.

Realizado en farmacias das provincias de Pontevedra e Ourense, os resultados do estudo revélannos que máis do 90 % dos participantes recoñece a gravidade do SARS- Cov-2 e percíbeno como máis perigoso que o virus da gripe. Case o 30 % descoñece estar nun grupo de risco, pero os maiores de 70 anos son máis conscientes de estalo que os menores desa idade.

Os aspectos do benestar máis afectados son o familiar e o emocional, e a afectación dos aspectos físico e laboral melloraron significativamente na fase final da desescalada. Máis da metade dos maiores atopáronse sós durante o período de confinamento, aínda que tamén case o 40 % dos menores de 70 experimentaron ese sentimento.

Ao redor do 15 % di sentirse mal ou moi mal co illamento, peor as mulleres que os homes, sobre todo na fase final. Curiosamente o 50 % dos maiores de 70 anos senten ben ou moi ben co illamento, fronte a un 40 % dos menores 70 anos, o que se interpreta como que os maiores teñen unha maior capacidade para adaptarse a unha situación excepcional deste tipo.

A intención de vacinarse da gripe aumenta nesta situación en relación á campaña anterior e máis do 65 % vacinaranse da Covid-19, aínda que non estea financiada. Sorprende ese 35 % que llo pensará ou directamente non se vacinará.

Maioritariamente os enquisados están de acordo coas medidas de confinamento e cren que as medidas preventivas deben continuar mentres non haxa unha vacina.

As farmacias comunitarias, como centros sanitarios esenciais de servizo público, permaneceron e permanecen abertas, con grave risco para todo o equipo que desenvolve nelas o seu labor profesional, implementando medidas e protocolos de seguridade validados, garantindo aos seus pacientes a continuidade no acceso aos seus tratamentos, mesmo mediante a atención farmacéutica nos seus domicilios, a información sobre a enfermidade e as medidas e produtos adecuados para a prevención do contaxio.