Venres, 9 Maio de 2025

O BNG de Redondela recorda o compromiso sobre a Bolsa de Emprego Municipal

Os nacionalistas recordan que no Acordo de Investidura recolleuse o “Plan de Emprego e Bolsa de Emprego consensuada con organizacións sindicais”

A Bolsa de Emprego Municipal, constitúe un instrumento, para pór en contacto empresas e persoas en búsqueda de emprego. Dende a organización nacionalista considerouse moi importante incluír este punto no Acordo “ante a evidente perda de garantías dos e das traballadores”.

Recordan que na xuntanza da Comisión de Seguemento do Acordo, celebrada o pasado decembro, esta cuestión converteuse nunha de maiores discrepancias. “Agora apelamos ao acordo”.

Exemplifican a necesidade de melloras contractuais vía intermediación do Concello, nalgunhas sinaturas de convenios, onde os traballadores e traballadoras, realizan de balde para a empresa ata quince días “de prácticas laborais”, sen garantías de contratación, ou que a mesma sexa en condicións dignas. “Por cada quince empregados e empregadas que realizan ditas prácticas, a empresa afórrase o equivalente a unha xornada anual dun operario ou operaria. Isto non se pode permitir”, consideran.

Consideran que se debe constituír con urxencia esta Comisión, posto que “estamos nun momento de repunte das contratacións e se debe garantir que, vía Bolsa de Emprego, os traballadores e traballadoras podan acceder a postos de traballo con garantías sociais e laborais. As empresas teñen dereito a contratar. Os traballadores e traballadoras a vivir dun emprego digno”, rematan na súa nota.

Pola súa banda o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González insta a que se cumpra co asinado polo goberno local. “As nosas propostas foron asumidas, polo que agardamos para que se cumpra o acordado”.