11.6 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaArranca o 'Culturminho' co obxectivo de crear novos eventos culturais no Miño...

    Arranca o ‘Culturminho’ co obxectivo de crear novos eventos culturais no Miño transfronterizo

    O foro ábrese mañá ás 17h e poderá seguirse en directo en Youtube e en smartminho.eu, onde é preciso inscribirse de forma gratuíta

    A Deputación de Pontevedra arranca mañá o primeiro Foro da Cultura do Río Miño Transfronteirizo, ‘Culturminho’, que se prolongará ata este venres co obxectivo de reunir aos axentes culturais, asociacións, colectivos, concellos e entidades para crear novas iniciativas culturais transfronteirizas no territorio do Miño.  

    O obxectivo desta cita, organizada ao abeiro do programa Smart Minho financiado con fondos europeos do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’, é reflexionar sobre as potencialidades da cultura común como elemento de valor transfronteirizo, e desenvolver axendas e programacións culturais conxuntas seguindo a idea de consolidar o territorio do Rio Minho atraendo público moi diverso de ambas marxes, así como facer fincapé na nova situación social que condicionará o ocio e o consumo cultural tratando de visualizar alternativas.

    Nesta ocasión, debido á pandemia da Covid-19, o Culturminho terá formato telemático e contará cada día pola tarde con mesas de debate e conferencias na que participarán persoas de colectivos e entidades que están a traballar en eventos xa recoñecidos polo público. Poderá seguirse na canle AECT Rio Minho de YouTube e tamén desde a web smartminho.eu, onde é preciso formalizar as inscricións (de maneira gratuíta).

    A xornada abrirase mañá coa inauguración de autoridades, a presidenta da Deputación Carmela Silva e o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, para dar lugar despois á mesa de debate sobre ‘Artes e música no Rio Miño’. Neste grupo estará representada unha selección de entre as actividades culturais profesionais realizadas nos 26 concellos que integran a área transfronteiriza do Miño: o director do Festival de Cans, Alfonso Pato; o de Vilar de Mouros, con Joao Pinto, da Bienal de Arte de Cerveira, do Festival Folk Celta de Ponte da Barca ou de Entre Margens.  

     Ao día seguinte, o mércores 7, a charla versará sobre as experiencias de cooperación e cultura no Río Miño, con xestores e xestoras de ambas beiras como a Casa das Artes de Valdevez, o Simposio de escultura de Tomiño-Cerveira, o Folk Monçao, o IKFEM, ou Ponte nas Ondas.

    O xoves tomarase como centro o teatro e baixo o epígrafe ‘Palabra e escena no Río Miño’ exporanse iniciativas profesionais como as do Museo do Cinama Melgaço, As comedias do Minho, o Play-Doc, ou o Festival de Poesía do Condado.

    Finalmente, xa o venres cambiará o formato e en lugar dunha charla realizaranse dous relatorios, un sobre financiamento a cargo do asesor técnico do Ministerio de Cultura e Deportes na oficina Europa Creativa, Augusto Paramio, a quen se lle queren tamén trasladar as potencialidades do territorio do Miño. Por outra banda contarase coa participación de Miguel Ángel Cajigal, divulgador cultural coñecido como @elbarroquista con máis de 78.000 seguidores en Twitter.

    Segundo apunta o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, unha vez se teñan analizadas as sinerxias do potencial cultural do territorio, celebrarase unha nova edición do Culturminho, prevista para o primeiro semestre de 2021 de maneira presencial. Nese novo foro traballarase no deseño de novas propostas culturais e eventos que desenvolver no territorio para as que se buscará, ademais, financiamento europeo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.