Sábado, 3 Maio de 2025

O PP da Cañiza pide a Piña que se reabra a piscina

Sinala que as piscinas do Porriño, Mos, Redondela, Vigo ou Pontevedra están todas abertas con protocolos de se-guridade e prevención.

O Partido Popular da Cañiza pide a reapertura da piscina climatizada da Cañiza, que leva pechada desde o mes de marzo, e que o faga cunha normativa específica fronte á Covid-19. O voceiro do grupo, Miguel Domínguez, pide ao Goberno local que deixe de optar pola solución máis sinxela, que é manter pechada a piscina, e aposte pola xestión.

“Estamos vendo como mentres o resto de piscinas doutros concellos xa están funcionando con protocolos anti-covid, como por exemplo no Porriño, Mos, Redondela, Vigo ou Pontevedra, na Cañiza o seu alcalde quere eludir a súa responsabilidade e quere xustificar a súa falta de xestión e previsión argumentando que é deficitaria”, lamenta o popular.

O que está facendo, engade, “é desmantelar a piscina, non quere escoitar aos veciños e está impoñendo a súa vontade”. Domínguez recorda que sempre foi un servizo deficitario, desde a súa posta en funcionamento, pero trátase dun servizo público que presta un servizo único en toda a comarca, e por iso sempre se apostou pola súa creación e mantemento. “En ningún momento, en todos estes anos, plantexouse o peche. Sempre apostamos por buscar solucións e xestionar para manter servizos de boa calidade para os veciños, e agora parece que o que prima é buscar escusas e lamentarse dunha situación económica do concello que, por certo, é a mesma que sempre, para xustificar o seu peche”. Ademais, lembra que servizos deficitarios hai moitos no concello, pero non por iso se deixan de prestar, como pode ser o mantemento das depuradoras, o abastecemento de auga ou a recollida do lixo.

Polo tanto, “Piña está utilizando a covid como escusa para pechar a piscina”. Domínguez pregunta, ademais, si durante todos os meses que leva pechada a piscina o Goberno local fixo o seu traballo para intentar buscar axudas para manter a piscina, traballar na súa posta a punto para adaptala á nova realidade.

“Non fixeron nada, é máis, perderon as axudas da Xunta de Galicia e non pediron nin recibiron ningunha da Deputación, e chegou o mes de setembro e o máis fácil é dicir que a piscina non abre, deixando plantados aos máis de mil usuarios que ten de toda a comarca. Usuarios que, por certo, veñen á Cañiza a comprar, a consumir na restauración, etc”.