A Concellería de Ensino, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina F. Davila, presentou a asociación “Móvete polos nosos fillos”, que nace para loitar pola visibilidade e polos dereitos das persoas afectadas polo trastorno de aprendizaxe TDAH nas comarcas do Condado, da Paradanta e da Louriña.
A asociación nace co apoio de profesionais do eido educativo e da psicoloxía que desenvolven o seu traballo na nosa vila como Ángeles Lores ou Betty Gil ademais de contar coa colaboración da asociación PICAS que traballa para a prevención e detección do acoso escolar en colaboración con distintas asociacións.
“É difícil comprender se non se coñece. Se as persoas qe conviven cos nosos nenos e nenas afectadas de TDAH nas escolas, nas actividades extraescolares, os futuros amigos e amigas deles, descoñecen as características da súa persoalidade e do seu comportamento, será difícil conseguir comprensión, proximidade, implicación e incluso admiración polas súas capacidades”, explicou Cristina F. Davila.
Durante a xornada de participación os e as participantes puideron coñecer como se vai desenvolver o traballo da asociación a través de tres comisións: unha educativa e de apoio escolar, outro de ocio e tempo de lecer e, por último, a través da comisión psicoterapeuta.
As familias asociadas gozarán das terapias e actividades que organice a asociación obtendo todo o respaldo preciso para unha mellora do día a día. Para contactar coa asociación deberán facelo mediante correo electrónico [email protected] ou por teléfono no 643 15 29 05.
Ademais, os pequenos e pequenas asistentes puideron gozar de actuación músicais terapéuticas e dun obradoiro de confección e personalización de mascariñas.
A concelleira valorou moi positivamente o traballo destas familias e dos e das profesionais que forman “Móvete polo TDAH” e manifestou o seu total apoio para conseguir xuntos unha sociedade máis inclusiva e tolerante.

“Dende a concellería de Ensino, Eventos e Saúde que dirixo, así como a de Benestar Social de Verónica Carrera prestaremos todo o noso apoio e respaldo a esta iniciativa e seguro que teremos oportunidade de traballar con vós de xeito transversal en aquelas áreas que como Mocidade e Voluntariado, Deportes, Cultura ou Medioambiente dará posibilidades de realizar colaboracións moi interesantes”.