11.9 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasUnha plataforma veciñal chama a manifestarse o sábado en contra da planta...

    Unha plataforma veciñal chama a manifestarse o sábado en contra da planta de biomasa de Ponteareas

    A plataforma sinala problemas medioambientais, de saúde pública e de posible ilegalidade urbanística e "usurpación de terreos de titularidade privada" como argumentos para que o Goberno reconsidere a súa postura

    Falta de información, posible usurpación de terreos de titularidade privada, suposta ilegalidade urbanística, contaminación ambiental e efectos daninos sobre a saúde pública. Estes son os motivos que a plataforma veciñal, que agrupa a preto de 200 persoas, argumenta para convocar unha protesta diante do Concello contra a instalación dunha planta de biomasa no casco urbano a fin de que o Goberno local reconsidere a ubicación desta instalación da que, afirman, “a veciñanza non tivo información algunha”.

    A esta presunta falta de información, explican portavoces da plataforma, engádense a instalación de “ata catro chimeneas de 18 metros de altura en pleno casco urbano”. Se ben no proxecto redactado por un inxeñeiro técnico industrial sinálase que se instalará unha chimenea “de 18 metros e 4,5 metros de diámetro” o propio informe engade que se deseña unha “estrutura metálica autoportante” cos cálculos estruturais necesarios “para a posibilidade de instalar ata catro chimeneas”.

    Doutra banda a Plataforma insiste sobre a “non municipalidade” dos terreos nos que se está montando a instalación. Nese punto aseguran que “son de propiedade privada” e que a maiores “usurpan un parque biosaudable” para usuarios e usuarias do Centro de Día. Asemade, a Plataforma insiste sobre o uso do solo no que se está a instalar a planta de biomasa e que está recollido no Decreto 180/2004, do 29 de julio, de suspensión das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas, publicado en el DOG nº 148 de 2 de agosto de 2004.

    Neste documento, afirman os veciños e veciñas que forman a plataforma, na Ordenanza 7 sobre Equpamentos e dotacións públicas aseguran que, como usos permitidos, “está descrito o de sanitario e asistencial” se ben é certo que, nese mesmo apartado, sinálase que “se trata en ambos casos de servizos de interese público relacionados coa saúde e benestar dos cidadáns, dentro dos que podemos enmarcar os servizos conducentes a prover dito benestar, como o que nos ocupa de calefacción e auga quente sanitaria”. Segundo isto, a instalación dunha planta de biomasa estaría dentro dos usos permitidos.

    Outros dos puntos nos que insiste a plataforma veciñal, íntimamente ligados son os da contaminación ambiental e os posibles efectos sobre a saúde. No impacto medioambiental, a Plataforma insiste que a acidificación é un dos efectos da instalación sobre o medio ambiente e aseguran que dita acidificación “causa grandes danos as augas doces, bosques, solos e ecosistemas sensibles á acidificación”.

    No que aos efectos sobre a saúde, aluden a supostos efectos canceríxenos e aluden novamente ao proxecto do inxeñeiro técnico –e non a un informe de expertos en saúde– que di que entre as emisiones de diversas substancias “canceríxenas” atópase o PCB (policloruro de bifenilo) que, asegura a Plataforma veciñal “está considerado polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente como “un dos doce contaminantes máis nocivos fabricados polo ser humano”.

    Estes son os motivos que levan a plataforma a convocar unha concentración de rexeitamento a instalación da planta de biomasa, concentración que terá lugar mañá sábado, 12 de setembro, ás 12 h diante da Casa do Concello.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.