No último pleno da corporación de Mondariz Balneario aprobouse por unanimidade a moción de urxencia presentada polo BNG na que o goberno local se comprometeu a realizar unha auditoría profesional das árbores monumentais que embelecen a Rúa Enrique Peinador Vela, co fin de procurar solucións e recuperar o paseo do río.
O estado dos plátanos centenarios a día de hoxe é pésimo, a construción de beira rúas sen espazo para o desenvolvemento das árbores, o nulo mantemento sumado as podas agresivas e fora de tempo provocaron que estes exemplares presenten un estado de saúde ínfimo. Estas deficiencias xa foran trasladadas en reiteradas ocasións polo grupo municipal do Bloque ao Alcalde, topándose sempre coa pasividade do rexedor. O último episodio e xustificación da moción de urxencia foi a caída dun dos plátanos sobre un vehículo estacionado ao seu carón, que afortunadamente só ocasionou danos materiais.

De xeito totalmente discrecional, sen contar coa avaliación de ningún técnico especialista e nin sequera informando a oposición desta medida, o Concello procedeu a cortar parte das árbores do paseo do Río Tea. Estes exemplares representan parte do patrimonio cultural da vila balnearia, como recolleu o Consello da Cultura Galega no seu informe sobre o Conxunto histórico do Balneario de Mondariz. “Este non é mais que outro exemplo da insensibilidade do goberno do PP co patrimonio histórico de Mondariz Balneario. Primeiro foron os Xardíns Históricos, logo a Fonte de Troncoso e agora o paseo do río” apuntou César Gil, voceiro do BNG.
Os plátanos do paseo do río son o nexo de unión que integran a Fonte de Troncoso coa Fonte de Gándara e o resto do conxunto arquitectónico e paisaxístico da vila. Son polo tanto patrimonio de Mondariz Balneario e deben ser consideradas e protexidas como tales. Facendo oídos xordos e cunha falta de sensibilidade total, o actual goberno do PP optou por solucionar o problema pola vía rápida, sen prever restauración nin recuperación do conxunto de exemplares, sen dar tampouco unha solución real e a longo prazo o problema de deterioro das mesmas que seguen sendo un risco para as persoas que habitualmente pasean pola zona. Segundo apuntou César Gil, “o que esta facendo o Alcalde co noso pobo é unha aberración, é urxente que volva a racionalidade e o sentido común a política municipal” .