Domingo, 4 Maio de 2025

SmartPeme volve a primeira semana de setembro con catro novos obradoiros online

Ata o 4 de setembro o programa de asesoramento tecnolóxico da Deputación oferta cursos sobre medidas para enfrontar o coronavirus ou infoprodutos

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta a primeira semana de setembro catro novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións, con 10 prazas cada unha, versan sobre xestión de redes sociais, ferramentas para a mellora da web, ciberseguridade, copywritting, ferramentas para empresas turísticas, promoción das empresas ou técnicas de marketing.

O primeiro curso terá lugar o martes 1 e tratará sobre os “Infoprodutos: que son e como crealos” da man de Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. Ao día seguinte Mariana Rosa, graduada en Turismo, ensinará ás e aos participantes “Medidas para enfrontar o coronavirus no teu establecemento turístico”.

O xoves 3 terá lugar un obradoiro de “Blockchain: a tecnoloxía que pode cambiar o mundo”, co experto universitario en robótica Manuel Freire. Para finalizar a semana, o venres 4 Laura Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, impartirá un taller titulado “Fotografía de produto para a túa tenda en liña ou ecommerce”.