Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello de Redondela reforzará a campaña ‘Faino por Todxs’ de sensibilización e prevención fronte ao coronarivus

O Goberno recalca que “a responsabilidade” é unha das mellores armas para evitar a propagación da COVID-19 neste momento de repunte da pandemia

O Concello de Redondela vén de anunciar a “intensificación” da campaña de sensibilización e prevención fronte á COVID-19 ‘Faino por Todxs’ logo de que nas últimas datas se incrementen sensiblemente os números de contaxio en toda a comunidade galega e dende o convencemento “que a prevención, a sensibilización e a responsabilidade de todos e todas, son un dos camiños que temos para contribuír a frear esta pandemia”.

A alcaldesa Digna Rivas, fixo un chamamento ao sector máis novo da poboación “a que tomen conciencia da gravidade da situación que estamos a vivir” e os animou a que “respecten as medidas preventivas establecidas polas autoridades sanitarias, non só pola súa propia seguridade, senón tamén pola das súas familias”.

A rexedora local de Redondela sinalou que o Concello “intensificará a campaña ‘Faino por Todxs’ reforzando á información dirixida a todos os sectores da sociedade e buscando a ‘complicidade’ de veciños e veciñas para parar esta situación tan estraña como perigosa”.

A testemuña das persoas que pasaron a COVID-19 e que o Concello de Redondela recolleu nun vídeo, “ten que ser unha lección da que aprendamos todos. O sufrimento desas mulleres e homes e das súas familias, teñen que servir para que tomemos conciencia da situación pola que estamos a atravesar e que nós, coa nosa actitude persoal, poderemos contribuír a frear”.

O Concello de Redondela adiantou que o vídeo, realizado ao abeiro da antedita campaña ‘Faino por Todxs’ e que “lle pon cara ás consecuencias da COVID grazas á colaboración das veciñas e veciños que pasaron por estra grave experiencia”, será levado aos centros escolares do municipio “para que o alumnado de máis idade conciénciese da importancia que ten a prevención para a súa protección e a das súas familias”.

Do mesmo xeito, é intención do Goberno local redondelán proxectar esta “testemuña gráfica en todos os centros culturais das parroquias do municipio” de forma que a veciñanza “implíquese á hora de evitar a expansión dunha pandemia que segue aí”, rematou a alcaldesa Digna Rivas.

Enlace ao vídeo: https://m.facebook.com/story.php?story_fbid=4378364278902327&id=100001863946052