Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas adxudica 150.000 euros en novas axudas ás traídas veciñais de auga

As axudas permitirán realizar obras de melloras nas traídas

Foto de arquivo

O Concello de Ponteareas concedeu este xoves 150.000 euros en axudas ás traídas veciñais de 10 parroquias. Así o anunciou o Alcalde Xosé Represas que destacou a labor que realizan as comunidades de augas para que a grande maioría dos veciños e veciñas do rural conten con este servizo básico.

“Con esta nova concesión, que continúa a liña marcada polo actual goberno municipal desde 2015 de colaboración e apoio ás traídas veciñais, 12 traídas realizarán este ano novas obras co apoio do Concello”, manifestou Represas.

Estas subvencións permitirán realizar investimentos de mellora das traídas; en depósitos, renovación de redes de abastecemento, obras en mananciais, así como en actuacións para asegurar a potabilidade e calidade do subministro das augas. As axudas cubren ata o 80% do investimento a realizar cun límite de 18.000 euros por traída.

Nesta convocatoria presentáronse un total de 20 solicitudes e recibirán subvencións 12 traídas das parroquias de Arnoso, Celeiros, Cumiar, Fozara, Guillade, Nogueira, Padróns, Pías, Ribadetea e Xinzo..

O alcalde fixo balance desta liña de subvencións da que xa se beneficiaron un total de 40 traídas veciñais de 19 parroquias, medida que impulsou investimentos por máis de 600.000 euros, dos que a aportación do Concello suma 450.000 euros.

Represas explicou que “as axudas outórganse cos fondos propios do Concello e concédense de forma transparente e en concurrencia libre para as traídas veciñais. O Concello ten a obriga de atender estas peticións porque os colectivos veciñais están a realizar un servizo básico e prioritario”