Domingo, 4 Maio de 2025

Redondela rehabilitará o edificio do antigo conservatorio dentro dun proxecto global de recuperación do patrimonio histórico e cultural do municipio

Unha vez rematadas as obras o inmoble acollerá, entre outros servizos, a Oficina de Turismo, totalmente accesible e un espazo de usos múltiples para poñer en valor a ampla oferta cultural do municipio

O Concello de Redondela rehabilitará as antigas dependencias do conservatorio de música, na rúa Isidoro Queimaliños, dentro dun plan global de rehabilitación e recuperación do patrimonio histórico do municipio. As obras, que contarán cun orzamento de preto dos 300.000 euros, incluiríase nas liñas establecidas para a rehabilitación e mellora do patrimonio histórico e cultural e a creación de novos eventos culturais.

Nesa liña, unha vez rematadas as obras, o inmoble acollería, no primeiro andar, as Oficinas de Turismo adaptadas a todas as normativas de accesibilidade, mentres que na planta baixa, habilitaríase un espazo de usos múltiples para desenvolver actividades e eventos co fin de poñer en valor o acervo cultural do municipio.

A maiores da antedita Oficina de Turismo, tamén quedarían situadas no inmoble os servizos de Cultura e Normalización Lingüística.

As obras abranguerán, polo tanto, unha rehabilitación integral do exterior do inmoble incluíndo fachadas, rehabilitación da cuberta e carpintería exterior. Ao mesmo tempo, no que ao interior fai referencia, amais dunha redistribución de espazos, as obras estarán encamiñadas a adaptar o edificio á normativa vixente de accesibilidade e seguridade.

Cómpre salientar que pola rúa Isidoro Queimaliños, onde se atopa o edificio, discorre o Camiño de Santiago e que, o turismo de peregrinos supón, no caso de Redondela, preto do 90 % do fluxo turístico do municipio.

O goberno redondelán lembra que o municipio “conta cun importante patrimonio cultural, que é necesario poñer en valor”. Esa revalorización do patrimonio cultural redondelán, engade Rivas “sirve tanto para as veciñas e veciños, xa que lles permite coñecer mellor a historia do seu municipio, coma iniciativa á hora de xerar sinerxias que atraian a un maior número de visitantes”.

Doutra banda, a rexedora local, sinala que a través deste programa “estanse a poñer en marcha un conxunto de actuacións que recuperen e rehabiliten o patrimonio histórico de Redondela”, un patrimonio, recalca, “que corre un grave perigo de deterioro e, polo tanto de desaparición e que inclúe xacementos arqueolóxicos, casas históricas ou cemiterios de alto valor histórico e patrimonial”. Neste último caso subliña a alcaldesa a importancia da recuperación do Cemiterio de Eidos, “que permite facer un percorrido pola historia de Redondela e das persoas que contribuíron a que o municipio sexa hoxe o que é”.