Cando en febreiro de 2020 se daba no Porriño a claqueta final da rodaxe da curtametraxe ‘Para sempre Malévich’, pouco podían os seus responsables prever o que se lles viña enriba. O proxecto, que adapta a obra do escritor galego Diego Giráldez, tiña todo para funcionar: un elenco de contrastado talento, unha obra literaria detrás recoñecida por crítica e público, un proxecto de sensibilización arredor da diversidade funcional e unha listaxe de certames aos que se presentar. E chegou marzo e derrubouno todo.
Da pandemia, o sector cultural e máis concretamente o audiovisual, posiblemente foron os máis afectados. Un impacto aínda maior, se cabe, no mundo da curtametraxe, xa habitualmente precario. E neste sentido, ‘Para sempre Malévich’ non era unha excepción.
[su_image_carousel source=”media: 19265,19264,11746,11745,11744,11743,11742″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]
O proxecto, que comezou a forxarse en xullo de 2019, buscaba adaptar os textos de ‘Galería de Saldos’ de Giráldez e converterse ao mesmo tempo na ópera prima dos seus creadores: o director e guionista Antón Veiga e o director de fotografía Mateo Hernández.
A obra que por fin se estrea conta con Iria Sobrado como actriz protagonista dunha historia na que a súa personaxe, a galerista de arte Mara, coñece a Berthram, un tratante de arte cego, quen é interpretado polo actor do grupo de teatro da ONCE Valacar, Felipe Cotelo.
Foi precisamente o compromiso dos creadores por contar cun actor invidente o que atraeu a atención dos medios no momento da rodaxe. E o que lle abriría as portas á obra para participar en festivais de curtametraxe de todo o territorio, pero poñendo un especial
interese en Cans, que pechaba a súa inscrición a poucos días de se iniciar a rodaxe. Toda unha maratón de filmación en 4 días para chegar á data de peche de inscricións. E non exenta de contratempos, coma calquera rodaxe. O que, naquel momento, era o normal
A curta consegue, finalmente, chegar a pequenas salas de toda Galicia, adaptada a todos os condicionantes dos novos tempos:salas moito máis reducidas. Aforos moi acotados. Sen apertas nin bicos. Moi lonxe do que podían ter na cabeza cando comezaron o proxecto, pero pensando en que, se cadra, agardar máis para estreala lles roubase tamén iso.
As estreas dan inicio, como non podía ser doutro xeito, no Porriño o día 20 de agosto no Pub Bumba, un dos escenarios da rodaxe nese xa, afastado febreiro. Continuarán o 21 de agosto en Tui, no Bar Pancho; o 26 en Santiago de Compostela, no Eme Club; o 27 en La Casa de Arriba de Vigo; e o 28 en A Coruña, na libraría Fiandón.
Todo isto sempre que a pandemia o permita e non os persiga, de novo, a maldición de Malévich.