O Concello de Tomiño, a través do Departamento de Obras, continua a súa labor de arranxar sendas e percorridos por distintos espazos naturais para que a xente que os utiliza, sobre todo, despois do confinamento, poida pasear e facer exercizo nas mellores condicións posible.
Na senda do río Miño entre a Ponte Internacional de Goián e o límite co concello de O Rosal, é unha das máis utilizadas para camiñar ou montar en bicicleta, foi necesario limpar as marxes e arranxar varias pasadeiras de madeira e guías laterais, así coma limpar e restituír o xabre, co que a senda quedou moito máis transitable.
Asemade, arranxáronse e limpáronse de maleza e acondicionáronse as contorna da Fortaleza de San Lourenzo de Goián, Lago da Pedra e río Furnia, coma así tamén diferentes sendeiros das parroquias de Sobrada, Currás e Amorín.
[su_image_carousel source=”media: 18570,18571,18568″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]
Do mesmo xeito, leváronse a cabo labores de mantemento e substitución de pezas deterioradas no pantalán de Goián.
Nas últimas semanas, reparáronse paneis informativos, na senda que vai até Forcadela, na zona de Maceiras e acondicionáronse sendeiros próximos ao Miño, en Carregal, Currás (Parque da Raña e ponte de madeira en mal estado) e Sobrada.
O concelleiro de Obras, Alexandre Pérez Souto, explica que tras a corentena, a veciñanza comezou a utilizar moito as sendas e camiños de espazos naturais da localidade, para pasear e facer exercizo.
Por outra banda, a Concellería de Deportes instalou na Praia de Goián, con persoal municipal, unha rampla para persoas con mobilidade reducida. Unha tarima fixa de madeira, de 4.30 metros de lonxitude, e outra parte móbil, feita de lona, compoñen a nova rampla que poden utilizar todas as persoas con mobilidade reducida que o desexen.