Venres, 9 Maio de 2025

A veciñanza de Vilar coñece, de primeira man, como será o proxecto do último treito da estrada do Galleiro

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asegura que cando se lle explican ás cousas claramente á veciñanza “esta participa activamente, formula preguntas e realiza achegas que enriquecen un proxecto”

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, valorou hoxe a presentación que, esta pasada fin de semana tivo lugar no Centro Cultural de Vilar onde, co respaldo de planos e infografías, explicou á veciñanza a realidade do proxecto de mellora do último treito da EP-2096 entre Os Valos e Guizán na coñecida como estrada do Galleiro.

Rivas, –que na reunión estaba acompañada por concelleiras e concelleiros do equipo de Goberno– asegura que, unha vez que comezou a explicar o proxecto de como quedaría a zona, que permitirá a súa recuperación para uso e goce da veciñanza, decatouse que “veciños e veciñas descoñecían o proxecto” o que pode deberse “a unha falta de interese do anterior goberno en explicar a realidade da obra que se ía realizar”.

Estado actual da estrada do Galleiro

“Dende o primeiro minuto da nosa chegada ao Concello –explica a alcaldesa de Redondela– optamos sempre pola transparencia como ferramenta fundamental de comunicación coa cidadanía”. A veciñanza do municipio, engadiu a rexedora, “e perfectamente capaz de avaliar os proxectos que se lle presentan, discutir sobre eles e achegar solucións ou rectificacións”.

As veciñas e veciños expresaron a súa conformidade co proxecto presentado que permitirá recuperar unha zona deteriorada para a súa utilización por parte da veciñanza, favorecendo a mobilidade e, dentro da liña seguida pola administración provincial nas súas últimas actuacións, recuperar espazos para a convivencia das persoas.

No decurso da xuntanza, a veciñanza formulou preguntas que, a través da deputada Olga García, serán trasladas a Deputación para que se lles dea cumprida resposta. En todo caso, explicou Digna Rivas, son pequenos matices sobre o proxecto “que a nós, como Goberno, parécennos importantes porque son a mostra clara de que a cidadanía, cando é consultada, responde e aporta ideas que enriquecen calquera proxecto”