Domingo, 4 Maio de 2025

As Concellerías de Igualdade, dirixida por Digna Rivas, e de Xuventude, dirixida por Ignacio González, organizan as actividades de verán

Está aberto o prazo de inscrición para Programa municipal de conciliación para o mes de agosto e a primeira semana do mes de setembro que este ano, como medida excepcional para dar resposta ás demandas e necesidades actuais das familias do concello de Redondela, se ofertará do 3 de agosto ata o 4 de setembro.

O programa ofértase para menores con idades entre os 3 e 12 anos, cun total de 225 prazas distribuídas entre as parroquias de Redondela, salvo en Redondela onde contan co Campamento urbano.

Na súa organización e desenvolvemento seguirá a mesma liña que no mes xullo no que se están aplicando medidas excepcionais pola actual situación que tentan garantir a seguridade sanitaria para evitar risco de contaxio: máscaras na entrada, desenvolvemento e saída da actividade, cambio de actividades para garantir o menor contacto posible entre as/os participantes, distancia social nas mesas e nas actividades realizadas no interior, diminución do ratio do monitorado, desinfección diaria de material e espazos, limpeza ou desinfección de mans, sinalización de espazos…

A documentación para estes meses pode descargarse da páxina web ou solicitala en papel no edificio do Concello. A ficha de inscrición e documentación que a acompañe poderá presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Redondela, ata o 27 de xullo, incluído. 

Para o mes de agosto, na parroquia de Redondela, desenvolverase como en anos anteriores o Campamento urbano, dirixido a menores con idades comprendidas entre os 4 e 12 anos. A súa temporalización será do 3 ao 28 de agosto, ofertando 30 prazas semanais en quendas de cinco días.

Este ano, por motivos de seguridade das/os menores participantes e de mellora do espazo e do desenvolvemento das actividades, o Campamento trasládase ao Pavillón do IES Mendiño, onde se está a desenvolver o Programa municipal de conciliación durante o mes de xullo. Seguirá a mesma liña que este Programa no referente á organización, desenvolvemento e medidas polo COVID-19.

A documentación para solicitar participar neste Campamento pode descargarse da páxina web ou solicitala en papel no edificio do Concello. A ficha de inscrición e documentación que a acompañe poderá presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Redondela, ata o 27 de xullo, incluído. 

Respecto ás actividades de verán nas praias, a semana pasada arrancou o Campamento de praia 2020 que se desenvolve nas praias de Cesantes e de Arealonga, en horario de 17:30 a 19:30 horas, de luns a venres, ata o 14 de agosto. Para participar é preciso realizar inscrición no lugar de desenvolvemento do Campamento e acudir provista/o de máscara. Na organización e desenvolvemento séguense as mesmas liñas que os campamentos no referente ás medidas polo COVID-19.

Para máis información podédesvos dirixir ao Centro de información á muller (CIM) chamando ao 986 40 80 43 ou a través do correo electrónico [email protected].