Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello de Redondela e Artelixo ‘en pé polo planeta’

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Medio Ambiente e o colectivo Artelixo veñen de facer un chamamento á participación da cidadanía nun acto que promovido a nivel mundial pola entidade Hope! quere ser unha chamada á reflexión sobre o cambio climático.

A actividade enmárcase na campaña ‘En pé polo planeta’ e convida a traer zapatos de nenos/as (bebés e crianzas pequenas ou non tan pequenas) para simbolizar a necesidade de deixarlles aos nosos fillos e fillas un mundo habitable e sostible.

Nesta acción tratarase de reflexionar sobre a crise climática e como se tratan outras crises como a do COVID-19. Que podemos aprender? Como nos pode axudar a cooperación e a concienciación?

Neste acto cada neno e cada nena deixarán zapatos na rúa Alfonso XII que estará cortada entre as 16:00 h e as 22:00 horas deste venres 5 de xuño. Ás 18:00 h haberá un espazo de expresión para a rapazada, nel os pequenos e pequenas terán voz para dicir o que pensan sobre o coidado do planeta e do seu futuro… Coidémonos coidando do medio ambiente.