Concello do Rosal e Deputación de Pontevedra seguen a traballar xuntos en diferentes proxectos de mellora do municipio sen esquecer a situación actual que se está a vivir pero tamén coa vista posta no futuro e en cando remate o estado de alarma. Unha destas obras é a que se está a desenvolver na estrada provincial EP 3302, que se está a converter nun viario urbano municipal que mellora a mobilidade peonil da zona.
Estes traballos estanse a realizar ao abeiro do convenio asinado entre o Concello do Rosal e a Deputación de Pontevedra para a mellora dun tramo de aproximadamente 575 metros da estrada provincial EP 3302. Mediante este convenio, que conta cun orzamento de máis 142.000 euros, estase a acondicionar a estrada cunha senda peonil, beiravía entre a senda e a calzada, pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade.
[su_image_carousel source=”media: 14570,14568,14567″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
Con todas estas medidas búscase delimitar a circulación do tráfico rodade e peonil e impulsar a seguridade viaria, dispoñendo de espazos seguros para os colectivos máis vulnerables. Neste sentido cabe mencionar o paso dado nos últimos días por parte da Deputación de Pontevedra para a transferencia dun dos tramos desta estrada, transferencia que permitirá ao Concello garantir de xeito óptimo o seu mantemento e control de ocupación do dominio público.
O Goberno municipal agradeceu “a disposición da institución provincial para seguir traballando xuntos en proxectos de mellora para a veciñanza e para o municipio”.